Alerta por frío na Galiza: Calvos de Randín marca -7,5ºC

Estrada xeada en Folgoso do Courel (Foto: Deputación de Lugo)
A vaga de frío que está asolando a Galiza deixa temperaturas baixo cero no interior do país, no medio dunha alerta amarela pola baixada do termómetro.

A meirande parte do territorio galego atópase en alerta de nivel amarelo polas baixas temperaturas, declarada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía por mor de temperaturas que poden oscilar entre os -4ºC e -8ºC.

Após rexistrarse a segunda feira -8,8ºC en Calvos de Randín (comarca da Limia), na madrugada desta terza feira a vila volveu marcar a temperatura máis baixa do país, con -7,5ºC.

Meteogaliza informa de que ese pico chegou ás 2.40 horas da mañá. Sen saír da bisbarra atopamos a segunda temperatura máis baixa, os -6,9ºC dos termómetros en Xinzo de Limia ás 8.50 horas.

Pouco máis altas foron na Terra de Lemos, en Monforte, a axencia de meteoroloxía galega reporta que a temperatura baixou até os -5ºC ás 8 da mañá.

Os concellos onde se produciron estes mínimos localízanse a unha altitude inferior aos 900 metros, do mesmo xeito que a segunda feira.

Nas zonas de montaña como A Veiga a mínima foi de -4,4ºC ás 8,30 horas; -3,3ºC en Vilariño de Conso ás 8,40 horas; -2,5ºC en Carballeda de Valdeorras ás 5,40 horas; e -2,5ºC en Manzaneda ás 5,20 horas.

As baixas temperaturas manteranse ao longo da terza feira, confirma a entidade dependente da Consellaría de Medio Ambiente, nunha xornada con estabilidade atmosférica e con altas presións desde as Azores até as illas británicas.

Todo isto propiciará un día de ceos despexados con néboa no interior do país e un vento frouxo procedente do leste.