Alerta pola enchente do Miño en Ourense: féchase o acceso ao río e rebenta unha tubaxe

Anegamentos en vivendas de Sobrado do Bispo pola suba do río Miño. (Foto: Proteccion civil e emerxencias de Barbadás)

Ourense mantén fechado o acceso ao río Miño á altura do Pavillón dos Remedios e baixo o centro comercial ante o risco de enchentes nun episodio de chuvias que tamén provocou o rebentón dunha tubaxe na rúa Quintián.

O Concello de Ourense mantén fechado o acceso ao río Miño á altura do Pavillón dos Remedios e baixo o centro comercial, debido ao risco de desbordamentos. Ante isto, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recomendou aos cidadáns que non se aproximen á marxe dos ríos, tanto do Miño como do Barbaña, Barbadás e Lonia.

Está previsto que as enchentes dos ríos alcancen o seu máximo nivel este 6 de febreiro e comecen a baixar o sábado, polo que recomenda prudencia.

Unha tubaxe rota

A maiores, unha tubaxe rebentou este 5 de febreiro na rúa Quintián coa rúa Río Arnoia en Ourense, próximas á estación intermodal da cidade, por mor da acumulación de auga tras varios días de choivas.

Tal e como informaron fontes de Veolia -compañía que xestiona dita rede de abastecemento- o incidente produciuse perto das 12 horas da mañá, como consecuencia da acumulación de auga no terreo, que provocou que se desprazase unha das tubaxes, ocasionando finalmente o rebentón.

Así mesmo, a empresa ratificou que o servizo operario acudiu "inmediatamente" para cortar a devandita tubaxe, sen que se producise "ningún problema de abastecemento", de tal forma que a incidencia quedou controlada ao redor das 13 horas.

Porén, a Policía Local de Ourense sinalou que na zona permanece unha infraestrutura ante a existencia “dalgún pequeno risco de que caia o talude".