Alerta laranxa por temporal no litoral galego

A alerta laranxa manterase durante a segunda e a terza feira (Foto: Elisa Piñón / Europa Press).
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou esta segunda feira a alerta laranxa por temporal costeiro en toda a costa galega, que se manterá até a terza feira.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou esta segunda feira a alerta laranxa por temporal costeiro en toda a costa galega, que se manterá até a terza feira. Para a cuarta feira, a Aemet avanzou a alerta amarela.

Meteogalicia, pola súa parte, ratificou o nivel de alerta laranxa para esta segunda feira na Costa da Morte e nas comarcas do noroeste, onde se espera mar combinado do noroeste con ondas de 5 a 6 metros de altura entre Estaca de Bares e Fisterra e de 4 a 5 metros no resto do litoral.

No que respecta á xornada da terza feira, Meteogalicia mantivo a alerta laranxa até as 6 horas na Costa da Morte e nas comarcas do noroeste. Así, nesas dúas zonas a partir das 6 horas e até as 12, espérase que a predición cambie e se sitúe en alerta amarela, con mar de fondo de noroeste e ondas de entre 4 e 5 metros de altura.

Desta forma, o mar de fondo do noroeste irá baixando de altura de onda durante a mañá e a partir do mediodía quedará inferior aos 4 metros. Polo momento, no resto do litoral, en zonas como as Rías Baixas e a Mariña, manterase desde a mañá a alerta amarela.

Cuarta feira

Así mesmo, na xornada da cuarta feira, polo momento, espérase alerta amarela nas Rías Baixas e na Costa da Morte. Con mar de fondo do oeste con ondas de entre 4 e 5 metros entre A Guarda e a Costa da Morte. Pola súa parte, Aemet adiantou alerta amarela para todo o litoral galego nesa xornada.

Precaución

Ante estes fenómenos costeiros, a Xunta lembrou a importancia de manterse afastado da liña de costa. Tamén apela a que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.