Xornada de alerta amarela na Galiza por tormentas e chuvias
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou unha alerta amarela por tormentas e fortes chuvias na Galiza esta sexta feira, 2 de maio. En concreto, esta alerta irá desde mediodía até a medianoite en todo o territorio galego. O aviso advirte de tormentas localmente fortes e chuvias de máis 15 litros por metro cadrado.
Pola súa parte, MeteoGalicia informou de que esta sexta feira entra na Galiza unha borrasca polo sur, desde Portugal, após un primeiro de maio de transición, tamén con algún chuvasco illado. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, con máximas sen cambios. O vento soprará de dirección variábel, con especial predominancia sur no interior.
O servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta da Galiza avanza "chuvascos tormentosos especialmente activos pola tarde".
Continúa a inestabilidade
De cara á xornada do sábado, MeteoGalicia anuncia máis inestabilidade, con chuvias fortes no terzo norte. Neste sentido, mantén activo un aviso amarelo desde as 15 horas nas comarcas de Bergantiños, A Coruña, As Mariñas, Eume, ferrolterra, Ortegal e A Mariña.