O alcalde de Pontevedra afirma que "o abastecemento de auga está asegurado"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esta sexta feira. (Foto: Concello de Pontevedra)

Inés Rei agarda que a situación de seca “reverta” no último trimestre do ano

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, referiuse esta sexta feira á situación de estado de prealerta por escaseza de auga na conca do río Lérez e afirmou que "o abastecemento está asegurado grazas a un sistema moi forte, cun nivel de perdas mínimo".

Lores sinalou que, a día de hoxe, o encoro do Pontillón de Castro está a 95% da súa capacidade como reserva de auga. "Temos un colchón que non é preciso usar aínda", dixo, á vez que apuntou que "o caudal do Lérez sitúase nos 1,3 metros cúbicos por segundo".

O rexedor insistiu en que o abastecemento está garantido polo momento a todos os municipios que captan auga do Lérez, pero engadiu que fai falta concienciar a poboación sobre o seu consumo diario para asegurar o aforro de auga e facer un uso racional do recurso.

Neste sentido, o alcalde deu conta das diversas recomendacións aprobadas esta sexta feira, 25 de agosto, na Xunta de Goberno Local de Pontevedra dirixidas á veciñanza e ás empresas e entidades para concienciar do uso sostíbel da auga apta para consumo humano. Son consellos como non empregala para encher piscinas particulares, regas de xardíns ou limpeza de coches por particulares, entre outros.

Polo de agora, moderaranse os consumos municipais nos baldeos das rúas ou as fontes ornamentais, por exemplo.

Tamén se promoverá a instalación de dispositivos de aforro doméstico e desde o Concello instarán as empresas e industrias a minimizar o consumo e a un uso razoábel da auga do abastecemento municipal.

A Coruña

Recomendacións semellantes fixo a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, que confirmou esta sexta que o consistorio mantén as recomendacións ante a escaseza de auga, entre elas o uso responsábel da mesma, cando menos até que “reverta” a situación.

Desde o Executivo coruñés agardan que “no último trimestre do ano reverta a situación e aumente o volume da auga”, afirmou Rei sobre o encoro de Cecebre.