Xácome elimina as roldas de prensa e substitúeas por comparecencias na súa canle privada de televisión
O Colexio de Xornalistas de Galiza e a Asociación de Periodistas da Galiza condenan a decisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, que desde esta terza feira, elimina as roldas de prensa ante os xornalistas, para substituílas por comparecencias desde o salón de sesións municipal que retransmite ademais a través da súa canle privada da televisión.
O novo e inédito “sistema”, que o rexedor xustifica afirmando que busca “eliminar a manipulación dos medios de comunicación”, pretende, afirma APG, “en realidade evitar que teña que responder ás preguntas directas, cara a cara, dos xornalistas ourensáns, incluíndo a posibilidade de que estes formulen cuestións, pero unicamente a través do whatsapp, elixindo polo tanto Pérez Xácome cales deben ser contestadas e desprezando o resto”.
A APG -que xa denunciara en novembro de 2021 a presentación no pleno por parte do alcalde dunha moción que propuña perseguir os medios de comunicación e profesionais non afíns aos seus intereses-, considera “intolerábel baixo calquera punto de vista esta nova fórmula de comparecencia, porque non só impide o traballo dos nosos compañeiros en Ourense, senón que lesiona gravemente o dereito dos cidadáns a recibir unha información libre e independente, non condicionada por intereses persoais ou partidistas”.
A APG quere expresar unha vez máis a súa solidariedade e apoiar os profesionais do xornalismo en Ourense, lembrándolle ao alcalde desa cidade, novamente, que a liberdade de prensa é un dereito inalienábel, consagrado no artigo 20 da constitución, que constitúe un bastión fundamental para a defensa da nosa democracia e do noso Estado de dereito.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita con rotundidade o anuncio realizado polo alcalde de Ourens. O rexedor ourensán publicou este domingo unha mensaxe na rede social X na que afirmaba que "Debido á manipulación mediática, vou substituír as conferencias de prensa por roldas informativas, directas ao cidadán. A verdade non precisa intermediarios". Esta terza feira, 3 de decembro, realizaba a primeira destas "roldas informativas", a través da conta de Youtube da televisión privada da súa propiedade.
"Como noutros exemplos de linguaxe populista, Xácome retorce con estas palabras a linguaxe para acusar os medios de comunicación daquilo ao que realmente abre a porta coa súa decisión. O papel dos e das xornalistas nas conferencias de prensa é precisamente o de exercer unha fiscalización imprescindíbel sobre as afirmacións políticas, para evitar a manipulación que favorecen as mensaxes unidireccionais", afirma o Colexio.