O alcalde do Porriño afirma que a concesionaria do SAF sabía do rexeitamento da vítima a traballar na casa do crime
A concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Porriño (comarca de Vigo), Aralia, era coñecedora do rexeitamento da vítima para traballar na casa onde ocorreu o crime desta terza feira, segundo informou esta cuarta feira o alcalde, Alejandro Lourenzo, en rolda de prensa.
Tal como indicou o rexedor, a compañía trasladou nas últimas horas aos Servizos Sociais do Concello que a empregada si mostrara o seu desexo de non prestar o servizo no domicilio dos feitos, polo que a empresa "ía cambiala", segundo indicarían representantes de Aralia ao persoal municipal.
Todo iso despois de que unha empregada do SAF do Porriño falecese de forma violenta nunha das casas ás que acudía a mans, presuntamente, do marido da muller á que coidaba na parroquia de Atios.
Respecto diso, a CIG asegurou que a muller manifestara o seu desexo de non acudir á devandita vivenda unhas horas antes da súa morte por sufrir unha situación de acoso na segunda feira, confirmando agora Lourenzo que a empresa tiña coñecemento disto.
Preguntando o alcalde se Aralia actuou ben enviándoa de novo á casa, Lourenzo apostilou que o Concello "actuará en consecuencia e con contundencia" cando "teña as probas necesarias" e cando saiba que se comunicou e que fixo a empresa ou outros responsábeis que poida haber.
Estas foron unhas frases repetidas en varias ocasións durante a rolda de prensa, indicando Lourenzo que o persoal municipal informará se Aralia "cumpre o contrato" de concesión, aínda que o Goberno local esperará á decisión do xulgado para "actuar en consecuencia".
"De momento o que temos por parte dos técnicos é que (o servizo) si ten deficiencias noutros sentidos, mais non neste caso", apuntou. Tras trasladar de novo as condolencias á familia e amizades de Teresa, o alcalde anunciou que o Concello declararase parte interesada na causa xudicial para que se depuren "todas as responsabilidades", insistindo en que non había constancia no Concello de ningunha denuncia por parte da muller, animando ás traballadoras a denunciar en caso de sufrir algunha situación similar.
SAF
Preguntado sobre se o SAF continuará no Porriño, subliñou que si, explicando que se se descobre que o servizo non se presta como debería e como se recolle na concesión, abrirase un expediente "se corresponde".
"É o que queremos saber", insistiu o rexedor, esperando a ter "probas" para "actuar en consecuencia", indicando que as e os traballadores sociais do Concello realizarán informes e tamén serán chamados previsibelmente para participar na causa xudicial. "A partir de aí, veremos como actuará o Concello", sentenciou.
Entre outros temas, Alejandro Lourenzo explicou que na actualidade a muller á que coidaba a vítima foi trasladada a unha residencia 24 horas, iniciándose os trámites de emerxencia para conseguir unha residencia definitiva para o seu coidado.
Aralia
Pola súa parte, a empresa trasladou a "conmoción" pola morte de Teresa, asegurando que xa colabora coa autoridade xudicial e coa Garda Civil para achegar os datos necesarios. "Por razóns obvias, debemos ser escrupulosos co proceso e gardar a debida confidencialidade en tanto non sexan as autoridades competentes quen informen sobre a terríbel morte da nosa compañeira Teresa", apuntaron.