O alcalde de Baleira: "Non queda outra que acatar a sentenza, mais imos dar algún paso"

Concentración en Baleira contra a sentenza (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada, convocará un pleno extraordinario para aprobar, "unanimemente", un comunicado de repulsa tras a sentenza de abusos sexuais a unha menor, pola que foron condenados a tan só tres anos os tres procesados.

O alcalde, Ángel Martínez (PP), confirmou que "no pleno ordinario decidiuse facer un extraordinario, unha vez coñecida a sentenza e nese pleno decidirase se sacar un comunicado de repulsa e que tipo de accións se poden desenvolver".

A resolución xudicial transcendeu en días pasados e a semana pasada deuse a coñecer o contido, despois de que a Audiencia de Lugo asinase a sentenza. Nela, recóllese a redución de condena a tres anos de cárcere polo pacto entre o Ministerio Público e os acusados e aléganse "dilacións" non imputábeis aos procesados, así como resarcimento á vítima, por pagarlle 50.000 euros de indemnización.

Os tres detidos son a irmá maior da vítima, que facilitou a violación por parte do irmán do seu marido. Tamén violou a menor o seu propio cuñado (marido da irmá da vítima), que a deixou embarazada (xa estivo embarazada por primeira vez con 11 anos) dun bebé ao que deu a luz con 13 anos e que tivo que dar en adopción.

Martínez apuntou que "a sentenza non queda outra que acatala, pero imos ver que pasos seguir a partir de agora". "O que di a sentenza está tecnicamente ben, aínda que sexa difícil de entender", subscribiu.

En canto a accións a levar a cabo, o alcalde de Baleira puntualizou que se persegue "expresar a repulsa unánime" da corporación, polo que suxeriu que podería convocar unha manifestación ou mesmo promover "a iniciativa dun veciño de recoller sinaturas".

"Calquera cousa, pero que isto non se volva repetir e a sociedade se conciencie de que coa violencia non se vai a ningún lugar", explicou.

Precisamente, na tarde desta quinta feira, a Plataforma Feminista de Lugo convocou unha mobilización de protesta contra a sentenza.