Homenaxe á bandeira e á serea de Castelao nos montes do Couso
Estreleira organiza este sábado o acto no Bosque da Lingua baixo o lema "A nossa língua, a nosa bandeira".
O monte do Couso, en Gondomar (comarca de Vigo), acolle este sábado día 10 un acto organizado polo colectivo Estreleira baixo o lema "A nossa língua, a nosa bandeira". A iniciativa enmárcase na serie de actividades que esta entidade desenvolve nos últimos anos para expandir e dar a coñecer a simboloxía nacional galega.
Desta volta,e após centrarse nos primeiros momentos no espallamento e difusión por toda a Galiza da bandeira da Patria, a 'estreleira', agora dan o paso de difundir e dar a coñecer socialmente a serea de Castelao, o escudo que o nacionalista rianxeiro deseñara en 1937 como símbolo dunha nova Galiza.
Os actos comezarán ás 11:00 horas cun roteiro guiado polo Bosque da Língua no momento do Couso, un espazo xerido pola comunidade de montes e que obtivo o recoñecemento da ONU como exemplo do coidado do entorno.
A seguir (13 horas) terá lugar un acto político no que intervirán representantes de Estreleira, do centro social A Pedreira e de Semente, así como X.A, Araúxo, comuneiro do Couso. A música coererá a cargo de O Leo e das regueifeiras Palmira e Silvinha. A sesión vermú será cousa dos Tolleitoseunha foliada porá o ramo a este acto.
No acto procederase a izar a bandeira galega e inaugurar un monolito cun poema de Celso Emilio Ferreiro.
Estreleira distribuirá, ademais, un caderno explicativo sobre o escudo de Castelao, no que se recolle todo o proceso de recuperación deste símbolo nacional, que nos últimos anos logrou situarse como un elemento principal da iconografía nacional.