En agosto choveu un 390% máis do que é normal nesa época do ano

Xente protexéndose da chuvia en pleno agosto, en Lugo (Foto: Europa Press)
Meteogalicia fala dun mes "moi húmido" no seu informe climatolóxico. Ademais, destaca os contrastes de temperatura que soportou a cidadanía.
Un agosto “moi húmido”. Así cualifica Meteogalicia no avance do seu informe climatolóxico o mes rei do verán, que rexistrou precipitacións abundantes entre os días 12 e 19 e que, ademais, experimentou fortes contrastes de temperatura.
 
A respecto dos valores climáticos para o período 1981-2010, os episodios máis chuviosos deixaron porcentaxes de máis dun 390% por riba do normal para esta época do ano.
 
Cada un dos días por separado xa superaría os valores normais dun mes de agosto. As chuvias medias acumuladas foron de 92 litros por metro cadrado e deuse unha gran diferenza entre comarcas como A Mariña central e o Sar, con rexistros de 266 litros por metro cadrado e a da Limia, a máis seca da Galiza, con 5 litros por metro cadrado.
 
En relación coas temperaturas, a anomalía media foi de +0,13ºC, o que fai que poida conside-rarse no conxunto da Galiza como un mes normal.
 
Porén, é o contraste entre temperaturas en-tre a primeira e a segunda quincena de agosto o que máis salienta Meteogalicia. O exceso de calor das quince primeiras xornadas quedou compensado coas frías temperaturas das últimas dúas semanas.
 
O valor medio das temperaturas máximas foi de 24,5 graos, rexistrándose os valores máis altos nas ribeiras do Miño e do Sil, así como na comarca de Verín, con valores que superaron os 30 grados de promedio.
 
Pola contra, as máximas máis baixas déronse nos puntos máis elevados do interior sur da Galiza, en Manzaneda e Pena Trevinca, con máximas medias que apenas superaron os 17 graos.