Manuel González Moreira

"Agardo que O Diario Galego fale, desde nós, de todo o que pase no mundo"

Manuel González Moreira

Manuel González Moreira, médico, delegado da CIG-Saúde e portavoz de SOS Sanidade Pública Vigo, explícanos por que ve necesaria a saída de 'O Diario Galego', proxecto que prepara Sermos para 2019.

-Que esperas de O Diario Galego?

 

-Agardo que O Diario Galego fale, desde nós, de todo o que pase no mundo. Que se converta nunha ferramenta útil para aquelas persoas que queiran atopar algo máis que a información mediatizada pola tiranía das audiencias e dos intereses económicos e políticos das cabeceiras actuais.

 

-Por que é necesario?

 

-Se quere ter permanencia, debe dar resposta á necesidade de ter información e análise dun amplo sector social, non só do militante máis comprometido, pois así, ademais de garantir a supervivencia económica, poderá comprometer ese amplo sector social na defensa dos intereses das galegas e galegos. Terá que contar con xornalistas que conten o que pasa desde a honestidade, e tamén desde a pluralidade. Abrir espazos a diferentes opinións que conten por que pasa o que pasa, as causas e as consecuencias.

 

-Que pegada podería ter no fortalecemento do tecido social galego?

 

-Para as persoas que participamos activamente nun movemento social como o que hai arredor da defensa da sanidade pública, ábresenos unha nova perspectiva, a de contar cun diario que poida recoller as denuncias, e tamén as nosas análises do que pasa coa nosa sanidade pública. Isto compensaría algo o actual desequilibrio informativo.

 

[Podes subscribirte a O DIARIO GALEGO nesta ligazón. Precisamos 3 mil apoios]