Afectad@s pola Hepatite C entregan perto de 29.000 sinaturas na Xunta

Solicitan que non haxa peneiras para determinar quen recibe ou non a medicación, e que esta se lle dea a tod@s as que llo prescriba o médico.

 

A Plataforma de persoas afectadas pola Hepatite C fixo entrega esta quinta feira no rexistro xeral da Xunta de perto de 29.000 sinaturas procedentes de toda Galiza en apoio á súa demanda de que os medicamentos sexa administrados a todos e todas as enfermas desta doenza ao que así llo prescriba o seu médico. Sen peneiras nin filtros de subcomisións ou organismos parellos. Unha reivindicación que, embora a inicial reticencia das administracións, logrou callar na axenda pública e ter un gran apoio popular. Un exemplo son esas máis de 28.000 sinaturas recollidas por toda Galiza en pouco tempo. Mesmo un dos voceiros da plataforma, Quique Costas, salientou que ese número de apoios amosan que hai unha conciencia e unha sensibilidade social coa súa loita.

Costas afirmou que o novo plan anunciado polas administracións e o seu cambio de actitude a respecto do problema é un exemplo de que a loita e presión social deu os seus froitos. “Non hai nin un mes o PP votaba en contra da proposta presentada pola Plataforma”, indicaba, mais tivo que cambiar de discurso e actitude e se comprometer cun novo plan estratéxico para doentes da hepatite C

16 meses tarde

Porén, desde a Plataforma consideran que esta plan chega “16 meses tarde”, un período no que, salientan morreron máis de 5.000 persoas, unha cifra que aclaran que procede da propia comisión xe expertos.

O novo plan estratéxico, que recolle boa parte das demandas dos afectados, entrará en vigor o 1 de abril. Afectados xa advertiron que estarán pendentes de que sexa así e de supervisar que se cumpra.