O ADN confirma que os restos óseos de Mazaricos son de dous desaparecidos cuxas mortes atribúen a un delincuente

Os dous desaparecidos son Javier Iglesias e Antonio Tuñas. (Foto: Nós Diario)
O cranio de Antonio Tuñas, de 72 anos, apareceu nun terreo de Mazaricos. Mentres se intentaba esclarecer o suceso acháronse máis ósos humanos en catro bolsas de plástico.

As probas de ADN practicadas aos restos óseos, xunto a pezas de roupa, achados en Mazaricos (comarca do Xallas) son de dúas persoas desaparecidas. As súas mortes vincúlanse cun delincuente coñecido na zona.

Así o confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press que precisaron que no caso dun dos desaparecidos, Javier Iglesias, un home de 50 anos que residía en Culleredo, está confirmada a autoría na súa morte dun veciño de Mazaricos, José Manuel Martínez, máis coñecido como Pandolo, e con numerosos antecedentes.

En decembro, apareceron neste municipio novos restos humanos, após un primeiro achado, e como resultado do inicio dunha procura por un veciño desaparecido en decembro de 2022. Entón, ampliouse o dispositivo que levou a cabo por parte de distintos efectivos despois de que aparecese, inicialmente, un cranio e despois máis restos óseos e pezas de roupa distribuídos en cinco bolsas que non pertencerían a esta mesma persoa.

A procura comezou após a desapareción de Antonio Tuñas, veciño de Mazaricos, de 72 anos, cuxo cranio apareceu nun terreo de Gosolfre, en Chacín, Mazaricos. Durante os labores para tentar esclarecer que lle ocorreu a Tuñas, o dispositivo de procura activado na mesma zona, con participación de Protección Civil e a Garda Civil con cans do servizo cinolóxico, atopáronse máis ósos humanos en catro bolsas de plástico e pezas de roupa nunha quinta.

Desde o inicio, a Garda Civil investigou se ambos sucesos poderían atribuírse a Pandolo, un veciño de Mazaricos con antecedentes e que gozaba dun permiso penal cando Antonio Tuñas desapareceu.

Agora está confirmada a súa autoría en relación ao caso de Javier Iglesias Otero, un home de 50 anos que residía en Culleredo e tamén desaparecido meses antes. No seu domicilio, na zona de Orro, acháronse restos de sangue.