Adif traballa na retirada do vagón que chegou ás augas do Sil en Carballeda de Valdeorras

Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil.
Adif está a traballar este domingo para retirar o vagón dun tren de mercadorías que foi empuxado hai unha semana e que acabou nas augas do río Sil en Carballeda de Valdeorras.

Segundo indica na súa conta oficial de Twitter, este domingo continúan os traballos iniciados o sábado, unha vez obtidos os permisos da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para sacar os catro vagóns que tiraron nesa zona, despois de que un tren de mercadorías descarrilase cando estaba a piques de entrar no núcleo de Sobradelo.

 

 

Nas tarefas para retirar as estruturas, o pasado domingo os operarios empuxaron cunha máquina dous dos vagóns, un dos cales chegou até as augas do río e outro quedou envorcado no terraplén entre a vía e o Sil. Os feitos, recollidos en varios vídeos, provocaron as queixas da Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño Sil, que abriron senllas investigacións. O Goberno galego propuxo só unha multa de 35.000 euros para Adif.

O administrador ferroviario presentou un operativo para levar dous guindastres á zona, estabilizar os vagóns e desmontalos para proceder a sacalos do lugar.

De acordo coas informacións actualizadas este domingo, está a despezarse o vagón que tiraron até a beira e estase retirando, do mesmo modo que se procedeu coas outras estruturas.