Adega volta aos montes queimados de Valdeorras para a plantación de árbores autóctonas
Ao longo desta semana, o Proxecto Ríos de Adega desenvolverá un campo de voluntariado para a recuperación das zonas afectadas polos incendios forestais do pasado verán de 2025 no concello de Vilamartín (Valdeorras).
En concreto, o campo comezará esta terza feira, 7 de abril e prolongarase até a sexta feira 10. Nel participarán 29 alumnos e alumnas de 4º da ESO e de FP Básica en Aproveitamentos Forestais do IES Alto Jarama, de Torrelaguna (Madrid), con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos, e acompañados de 4 docentes.
A chegada do grupo está prevista para esta terza feira, mentres que as actividades darán comezo na cuarta feira. Estas accións teñen como obxectivo continuar os labores de restauración ambiental desenvolvidos polo voluntariado de Adega durante o pasado mes de outubro, que consistiron no espallado de palla e na creación de faxinas e albarradas para o control da erosión e o freo de escorrentas.
Nesta nova fase preténdese avanzar na recuperación dos hábitats de ribeira e doutras zonas afectadas. Na xornada desta cuarta feira traballarase na zona de San Vicente de Leira, onde se realizará unha plantación de árbores froiteiras de aproximadamente 1,5 metros de altura, en colaboración coa veciñanza da aldea afectada polo lume.
Xa na quinta feira, as tarefas desenvolveranse na zona de captación de augas e nos regatos da conca do río Leira. Realizarase a plantación de especies autóctonas de ribeira (salgueiros, ameneiros, freixos, entre outras) co obxectivo de favorecer a conservación hídrica destes pequenos cursos de auga. Ademais, realizaranse actividades complementarias como a inspección do río Leira e a instalación de caixas-refuxio para morcegos e aves.