Adega recibe o Premio Dragona Iberia 2025 pola súa defensa dos ríos e a loita contra Altri

Javier Martínez Gil, Charo Brinquis e Manolo Soto. (Foto: Adega)

A Fundación Nueva Cultura del Agua recoñece medio século de activismo ecolóxico da entidade ecoloxista, destacando o Proxecto Ríos e o seu papel central na mobilización social contra a macrocelulosa de Altri.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) recibiu este sábado, 15 de novembro, en Alcalá de Henares, o Premio Dragona Iberia Colectivo 2025, un galardón outorgado pola Fundación Nueva Cultura del Agua (FNCA) que distingue o labor continuado de entidades que traballan pola protección e a xestión sustentábel dos ecosistemas fluviais. O presidente de Adega, Manolo Soto, recolleu o premio en nome da organización.

A FNCA salientou especialmente as máis de dúas décadas do Proxecto Ríos, que definiu como "un proxecto de referencia na Galiza que comparte a filosofía da Nova Cultura da Auga", así como o labor da entidade na loita social e ambiental contra a macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa), en coordinación coas plataformas veciñais. A entrega do galardón estivo precedida dunha intervención de Javier Martínez Gil, catedrático de hidroxeoloxía e cofundador da Fundación, que repasou as orixes e o significado do movemento da Nova Cultura da Auga. A socia da FNCA Charo Brinquis foi a encargada de facer efectiva a entrega.

"Unha enorme satisfacción"

Durante o acto, Manolo Soto expresou a "enorme satisfacción" que supón para Adega recibir o premio: "Nunca imaxinei que Adega sería distinguida pola Fundación Nueva Cultura del Agua, unha referencia para nós e para Galiza". Lembrou tamén os 50 anos de historia da entidade na defensa dos ecosistemas fluviais: desde a oposición aos antigos proxectos de celulosa, encoros e minicentrais, até a Iniciativa Lexislativa Popular pola Protección dos Ríos, que culminou coa aprobación da lei en 2006, "un gran logro froito das mobilizacións populares".

Soto destacou igualmente o impacto do Proxecto Ríos ao longo de vinte anos de educación ambiental e voluntariado, con inspeccións periódicas na primavera e no outono, e coa participación anual de milleiros de persoas na Limpeza Simultánea.

A loita contra Altri, no centro do presente

O presidente de Adega subliñou a importancia da batalla social e ambiental contra o "maior proxecto de celulosa previsto en Europa", que a empresa Altri sitúa na Ulloa. "Trátase dunha iniciativa que afecta o río Ulla, a ría de Arousa e un dos corazóns ecolóxicos e produtivos das Rías Baixas", afirmou. Recordou tamén que esta loita se artella xunto a plataformas como Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Mina Touro–O Pino Non.

Adega elaborou alegacións e informes técnicos e impulsou a campaña Xustiza para o Ulla, creada para financiar a defensa xurídica fronte á macrocelulosa. "Este premio é un estímulo máis para seguir até conseguir a vitoria", concluíu Soto.

O presidente da entidade dedicou o recoñecemento "a todas as persoas socias de Adega, aos milleiros de voluntarias e voluntarios e aos centos de colectivos cos que confluímos ao longo destes 50 anos" "Este é un premio para Galiza e para a defensa ambiental e ecolóxica no sentido máis amplo", recalcou.

Homenaxe a Abel Lacalle

A xornada incluíu tamén unha homenaxe a Abel Lacalle, profesor de Dereito da Universidade de Almería, membro da FNCA e coautor —xunto con Martínez Gil— do libro O tempo dos ríos (UDC, 2006). A súa traxectoria como defensor dos ríos e da auga foi lembrada nun acto no que Adega participou activamente, destacando o seu apoio e asesoramento nos últimos meses da súa vida, especialmente no que respecta á loita contra Altri e os seus impactos no río Ulla.