Adega insta a Deputación de Ourense a suspender a edición do Rally Hispania en Manzaneda

Recoñecemento do percorrido polo Macizo Central do Hispania Rally. (Foto: Hispania Rally).
A competición no macizo Central está prevista para outubro, entre os días 16 e 22. Trátase dunha proba de resistencia, navegación e velocidad destinada a motos e quads que reunirá 180 pilotos de máis dunha vintena de países.

A Asociación para a Denfensa Ecolóxica da Galiza asegura que a organización do evento -a Deputación de Ourense a canda o Motoclube A Peroxa- carece dos permisos necesarios para poder celebrar o rally nun espazo natural protexido.

Segundo informa nun comunicadao, o Servizo de Patrimonio Natural de Ourense vén de confirmarlle a Adega que nin a Deputación de Ourense nin a empresa promotora do evento "teñen autorización ambiental para celebrar o vindeiro mes de outubro o Rally Hispania en Zona de Especial Conservación ZEC Macizo Central e Rede Natura 2000".

A edición "máis salvaxe" do rally Hispania

A competición terá lugar entre os días 16 e o 22 e reunirá segundo as previsións dos organizadores uns 180 pilotos de 26 países na súa edición "máis salvaxe", cun percorrido de 1.500 km polo Macizo Central en motos, quads e SSV e centro de operacións quedará instalado na Estación de Montaña de Manzaneda.

Tras ter coñecemento do evento, a organización ecoloxista Adega solicitou información na Xunta sobre as autorizacións emitidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou por outros servizos competentes para a celebración deste "campionato masivo e potencialmente agresivo coa contorna, especialmente, nunha zona de especial conservación e espazo natural protexido".

"O ruído, a contaminación, o risco de atropelo e a concentración de vehículos a motor suporía un impacto inasumíbel para esta zona ambientalmente sensíbel na que se atopan hábitats de especial interese comunitario e especies ameazadas ou cun estado conservación vulnerábel", xustifica Adega.

Coidado e preservación

A resposta da Xefatura Territorial de Ourense da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda confirmou que "no Servizo de Patrimonio Natural de Ourense non se recibiu solicitude ao respecto da celebración do evento referido", polo que Adega insta á Deputación de Ourense a desconvocar a cita prevista para o outono e suspenda a súa organización.

"Tamén lle reclamamos que non promova a organización de eventos agresivos co medio ambiente e dirixidos a multitudes en Espazos Naturais Protexidos (ENP), non só por carecer das autorizacións administrativas preceptivas, senón, sobre todo, porque o impacto deste tipo de eventos deportivos é inasumíbel en áreas de especial sensibilidade ambiental e ecolóxica".

Desde a asociación ecoloxista piden maior coidado e preservación da "xa maltratada Rede Natura de Galiza", na que deberían potenciarse outro tipo de eventos ou actividades máis compatíbeis co medio ambiente e respetuosas coa normativa.