Adega insta ao Estado a manter a protección do lobo
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) reclamou esta quinta feira ao Goberno do Estado que rexeite a rebaixa na protección do lobo fixada pola reforma da Directiva Hábitats aprobada pola Comisión Europea.
Adega cuestiona os datos recollidos no "Censo do lobo ibérico. 2021-2022", quen indica que Galiza conta 93 mandas reprodutoras, 21 delas compartidas con outras comunidades autónomas e con Portugal.
A entidade ecoloxista denuncia a metodoloxía empregada pola Xunta da Galiza para a súa elaboración, por considerar que xera unha "distorsión que condiciona o resultado" ao seguir en cada anualidade modelos diferentes.
O colectivo alerta que "o número de mandas detectadas nos traballos de campo de 2021 foi moi inferior á cifra que se recolle no informe final", que é a suma do rexistrado no censo xeral 2021 e nos parciais de 2022.
Adega entende que "non se pode asegurar que a poboación de lobo na Galiza medre de xeito favorábel ou estea en aumento, en contra do que di a conselleira Ángeles Vázquez".
"O diagnóstico da situación do lobo en Galiza feito pola Xunta afástase da realidade do coñecemento científico da especie", asegura Adega, quen advirte que "debuxa un escenario tendencioso e falseado sobre os impactos na gandaría, en especial sobre as razas autóctonas".
Auto do TSXG
A entidade ecoloxista acusa ao Goberno galego "dunha desastrosa e acientífica xestión do lobo". Precisamente, na cuarta feira de onte o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) suspendeu, de forma cautelar, o réxime de xestión do lobo do Goberno galego para a tempada 2024/2025.
O alto tribunal galego entende que a posta en práctica do plan de xestión do lobo impulsado pola Xunta da Galiza podería "afectar á viabilidade das poboacións" desta especie.