Adega esixe á Xunta vixiar as emisións de benceno na contorna das principais industrias produtoras

Refinaría de Repsol na Coruña (Repsol).

As industrias galegas emitiron en 2024 máis de oito toneladas de desta substancia prexudicial para a saúde e para o medio ambiente perto de localidades moi poboadas.

O benceno é un hidrocarburo do grupo dos Compostos Orgánicos Volátiles (COV), que se presenta en estado gasoso a temperatura ambiente. É perigoso para a saúde por inhalación ou contacto, e está recoñecido como canceríxeno. Afecta ao sistema nervioso central e á produción de células sanguíneas, deteriora o sistema inmunitario e dana o material xenético celular, o que pode orixinar determinados tipos de cancro (leucemia) e malformacións conxénitas.

Segundo advirte a Asociación para Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) nun comunicado, este composto, no ambiente, é moi tóxico para os organismos acuáticos, nos que pode producir alteracións xenéticas e de comportamento. Ademais, sinala, afecta a vexetación e o clima, polo seu potente efecto invernadoiro. "Xunto con outros COV e cos óxidos de nitróxeno, son precursores de partículas PM2,5 e do Ozono troposférico, integrantes da néboa fotoquímica que provoca danos respiratorios".

Medicións urxentes

Con estes antecedentes, Adega, que ostenta a representación ecoloxista no Consello galego de calidade do ar, esixe á Xunta da Galiza que inclúa o benceno entre as substancias de análise obrigatoria nas estacións de control da contaminación industrial.

A organización ecoloxista propón que a rede industrial de calidade do aire de empresas como a Refinaría de Repsol, Endesa, Naturgy, Finsa-Santiago, Stellantis Vigo, Alcoa, Tableros Hispanos, Votorantim Cementos Oural, Air Liquide Ibérica, Ferroglobe Sabón, Greenalia, Ence, Megasa, Sogama e Xeal, entre outras, comece a medir benceno en todas as súas estacións de control. "Se á industria privada non lle importa a calidade do aire, a Xunta non debería ignorar esta situación", afirma.

O Rexistro estatal de emisións e fontes contaminantes (PRTR) refire que na Galiza existen 19 complexos de 10 actividades distintas que declaran emisións de benceno (8,067 toneladas no ano 2024), o que representa 8,12% do total das emisións de benceno do Estado. Deste xeito, Galiza ocupa o terceiro posto por comunidades despois de Andalucía e Asturias. "Algunhas destas industrias con importantes emisións de benceno á atmosfera están moi próximas a núcleos habitados". Alerta Adega, porén ningunha delas dispón dunha rede de control de contaminación con medidores de benceno nin de COV.

Emisións camufladas

A asocaición ecoloxista asegura que outras moitas empresas non declaran benceno pero declaran emitir Compostos orgánicos volátiles distintos do metano (COVNM), entre os que pode estar o benceno. Galiza, con 13,61% do total, ocupa o segundo posto no Estado despois de Catalunya polo volume de emisións de COVNM.

"Considerando que a refinaría de Repsol da Coruña, o complexo de Stellantis en Vigo ou Navantia en Ferrol, grandes emisoras de COVNM xenéricos, están moi próximas ou integradas en zonas densamente habitadas, existe unha urxente necesidade de controlar as emisións de benceno para garantir a calidade do aire nestas áreas e, en caso de fugas, actuar rapidamente", aprema Adega, pois das tres estacións de control da contaminación que ten Repsol na Coruña ningunha mide benceno nin en continuo nin periodicamente. Tampouco o fan as dúas estacións de Stellantis en Vigo, nin as de Navantia en Ferrol.

Aviso en Euskadi

Adega lembra que en febreiro deste ano, o Goberno vasco confinou a veciñanza de Muskiz, próxima a Bilbao, porque unha "incidencia" nos tanques de gasolina da refinaría de Petronor liberou substancias volátiles, entre elas benceno, que se puideron detectar nas tres estacións de control próximas. Esta substancia acadou concentracións de 100-200 ug/m3 nas proximidades de zonas habitadas, cando o máximo permitido por lei é de 5 ug/m3. Foi o terceiro episodio de contaminación en poucas semanas. "De darse unha fuga inesperada como a de Petronor en Bilbao, non se podería detectar nin tampouco adoptar as medidas precisas para salvagardar a saúde ambiental e cidadá", conclúe a entidade ecoloxista.