Adega denuncia a fragmentación ilegal do proxecto dunha macroplanta de biometano no concello de Curtis
A asociación ecoloxista exixe unha avaliación ambiental conxunta das tres instalacións existentes, advirte de graves riscos para a seguridade da poboación e cuestiona un modelo que, ao seu xuízo, depende case en exclusiva de axudas públicas.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de presentar alegacións contra o proxecto dunha planta de biometano promovida por Norbiogás Biometano I, S. L. no concello de Curtis (As Mariñas), declarado estratéxico pola Xunta da Galiza. A entidade denuncia que o proxecto está a ser avaliado de maneira fragmentada, unha práctica que considera ilegal, co obxectivo de minimizar artificialmente o impacto ambiental real da instalación.
Segundo Adega, a planta non pode analizarse de forma illada, xa que a escasos 270 metros existe outra planta de biometano e a 175 metros unha planta de biomasa, coas que comparte infraestruturas como a rede de gas e de saneamento. Esta proximidade converte o conxunto nunha "macroplanta", polo que entenden que cuxos efectos acumulativos sobre o medio e a poboación deberían ser avaliados de maneira conxunta. A asociación lembra que existe xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS) e do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que prohibe expresamente a "fragmentación artificiosa" de proxectos para eludir unha avaliación ambiental rigorosa.
Incumprimento da lei de residuos
Adega cuestiona, aliás, o encaixe legal do proxecto á luz da Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. As plantas de biometano basean a súa produción no aproveitamento do metano procedente de xurros ou puríns, mais a lexislación vixente considera estes materiais subprodutos e non residuos. O seu uso tradicional como fertilizante é, segundo a entidade, unha peza clave da economía circular no sector gandeiro.
"Estas plantas non valorizan residuos, senón que rompen un ciclo natural e agrario para desviar un subproduto útil cara a un proceso industrial fortemente subvencionado", sostén Adega, advertindo de que moitas explotacións, especialmente de gando vacún, dependen destes fertilizantes naturais para manter a súa rendibilidade.
Incerteza sobre a orixe da materia prima e viabilidade económica
Outro dos puntos críticos sinalados pola asociación é a falta de garantías sobre a subministración de materia prima. Segundo as alegacións presentadas, o proxecto non ten asegurada a procedencia de arredor do 50% dos xurros necesarios para o seu funcionamento, o que pon en dúbida a súa viabilidade a longo prazo.
Adega considera pouco críbel que o obxectivo real sexa a xestión de supostos residuos agrarios e apunta a que a sustentabilidade económica da planta depende, en boa medida, das axudas públicas á construción e á produción de biometano. "Cando eses incentivos desaparezan, o único que ficará será o impacto ambiental, sen beneficios reais para a veciñanza", alerta a organización.
Riscos para a seguridade e impactos ambientais subestimados
A asociación ecoloxista denuncia tamén graves carencias no estudo de avaliación ambiental presentado. Entre elas, destaca a ausencia dunha análise cuantitativa de riscos que avalíe as consecuencias dun posíbel accidente no núcleo de Maques de Arriba, situado a só 210 metros da planta. Tampouco se contempla o chamado efecto dominó derivado da proximidade das tres instalacións industriais nin se avalían de forma acumulativa as emisións de cheiros, que se cuantifican por separado para cada planta, reducindo artificialmente a percepción do impacto real.
Ademais, o documento ambiental non concreta o destino final do dixestato xerado polo proceso nin especifica en que terreos se aplicará, nin avalía adecuadamente os riscos de contaminación de acuíferos e cursos fluviais.
Por todo isto, Adega conclúe que a documentación é claramente insuficiente e reclama que o proxecto sexa sometido a unha nova avaliación ambiental integral que teña en conta o conxunto das instalacións e os seus efectos reais sobre o territorio e a poboación.