Adega denuncia na Eurocámara o mal estado da Rede Natura 2000

Adega estivo presente en Bruxelas (Foto: Adega).
Membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) veñen de participar na audición que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para avaliar o estado de cumprimento da Directiva da Hábitats.

Membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) veñen de participar na audición que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para avaliar o estado de cumprimento da Directiva da Hábitats. Por parte da Comsión Europea (CE), órgano que supervisa o cumprimento das normas legais europeas, pasouse revista á situación legal da Rede Natura 2000 (RN2000) e aos procedementos de infracción.

A Comisión argumentou que, aínda que o cumprimento dista moito de ser completo, nos últimos anos produciuse a unha mellora significativa na aplicación da Directiva 92/43CEE. Tamén sinalou que unha gran maioría das Peticións que o Parlamento manda á Comisión sobre infraccións coa Rede Natura non achegan probas da violación da Directiva e que moitas delas deberían resolverse no ámbito estatal e non europeo.

Unha experta xurista da EEB (Oficina Europea do Ambiente, na cal se integrou Adega) destacou a grave falla de transparencia do proceso de xestión e seguimento das denuncias e infraccións abertas pola CE a raíz das peticións efectuadas por cidadanía e colectivos sociais. Este feito menoscaba a confianza e a credibilidade que o público deposita nas institucións europeas.

"Mala xestión"

“Desde Adega mantemos que o caso estatal e nomeadamente o galego, é un exemplo de mala xestión da RN2000, mesmo insubmisión a respecto da implementación da Directiva de Hábitats. De feito desde a apertura dun procedemento de infracción en 2013, un apercibimento en 2015 e unha nova carta de emprazamento do Comisario á Ministra española en 2020, nestes 20 anos nin o Estado nin a Xunta tomaron as medidas reclamadas por Europa”, salientan desde a asociación ambientalista.

Esta última comunicación é, segundo aseguran, “demoledora” e debería ser causa de “medidas máis drásticas e expeditivas da Comisión cos Gobernos”.

Adega denunciou que na Galiza a situación da RN2000 é aínda peor. Non só a porcentaxe de territorio protexido é ridícula (11,8%) comparada coa media estatal (34%) ou os territorios veciños, que duplícana de longo, senón que a “ineficacia dos instrumentos de xestión aprobados pola Xunta poñen en perigo a viabilidade dos hábitats e especies que a Directiva de Hábitats ordena protexer”.

A maiores, estas eivas reiteradamente sinaladas pola CE “vense agravadas polo imparábel desenvolvemento de macroproxectos eólicos ou mineiros”.

Esta circunstancia fai urxente, segundo Adega, que a CE tome medidas para salvagardar a integridade e viabilidade da RN2000 e as posíbeis áreas de ampliación, obrigando o Estado e a Xunta a declarar unha moratoria, baixo ameaza de perder fondos europeos, mentres non acata as determinacións da UE e fai efectiva a ampliación desta rede ecolóxica europea.

Finalmente “chamamos a atención sobre as recentes declaracións, que causaron unha grande sorpresa, do conselleiro de Medio Rural José González culpando a UE e á RN2000 da vaga de fogod deste pasado verán. Con responsábeis públicos como este, a CE debería ter claro que quen ameaza á Rede Natura 2000 e á Biodiversidade son precisamente aqueles encargados de salvagardala, e consecuentemente tomar medidas”.