Adega dá inicio a actividades de xestión e control de especies exóticas invasoras no río Tambre
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, no marco do Proxecto Fluviatilis, dará comezo ás actividades de xestión e control de flora exótica invasora.
O obxectivo é “dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos”.
A primeira das actuacións terá lugar no río Tambre, ao seu paso polo concello de Ames. Será en sesión de mañá a vindeira quinta feira 1 de xuño de 2023. Para acudir, necesítase inscrición previa.
Así, o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Río Tambre é unha das zonas de actuación propostas por Adega para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado.
Supón, ademais, o inicio dos traballos de eliminación de Tradescantia fluminensis -especie invasora que está a afectar de forma incipiente diferentes especies de fieitos e flora ameazada presente no Catálogo Galego de Especies Ameazas-, nun espazo de elevado valor ecolóxico como o Tambre.
Deste modo, a actividade estará encamiñada tamén a “estabelecer un marco operativo e a seleccionar as metodoloxías adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito”, sinalan desde a asociación ambientalista.
Proxecto Fluviatilis
As actividades, tanto de xestión e control de Especies Exóticas Invasoras (EEI) como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis.