Adega celebra os seus 50 anos de loita ecoloxista cun grande festival en Lugo

Iria Castro, Froilán Pallín, Daniel García, Maite Ferreiro e Iria Buíde. (Foto: Nós Diario)
Pensada para todos os públicos, a xornada do 7 de xuño combinará unha ampla feira de produtos agro, ecolóxicos, de artesanía e de colectivos, xunto con mesas redondas, xogos tradicionais, proxección documental, encontro solar e concertos até a madrugada.

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) celebra este 2025 os seus 50 anos de loita e compromiso coa defensa da terra e do medio ambiente galego. Para conmemorar esta data, a entidade organiza un festival o sábado 7 de xuño no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Unha cita na que haberá música, debates, xogos e feira de artesanía.

Pensada para todos os públicos, esta xornada combinará unha ampla feira de produtos agro, ecolóxicos, de artesanía e de colectivos, xunto con mesas redondas, xogos tradicionais, proxección documental, encontro solar e concertos até a madrugada, entre eles, de Loita Amada, Filophóbicas ou Catro nun zoco. Adega quere así “partillar este aniversario con toda a cidadanía e celebrar a histórica loita colectiva por unha Galiza máis xusta e sustentábel”.

O deputado de Rural da Deputación de Lugo Daniel García, a deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura do Concello de Lugo Maite Ferreiro, a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento Iria Buíde e o secretario xeral de Adega Froilán Pallín presentaron onte o programa de actividades que desenvolverán o 7 de xuño.

Dúas mesas redondas sobre as loitas históricas do ecoloxismo e outra sobre os desafíos actuais repasarán os 50 anos de actividade do ecoloxismo nacionalista nunha xornada con feira produtos do agro e artesanìa, xogos tradicionais, actividades infantís e actuacións musicais, que comezará ás 11 horas e que se alongará ata a medianoite.

O deputado Daniel García valorou a traxectoria de Adega “na defensa dun modelo de desenvolvemento sustentabel e socialmente xusto” e explicou que “este ano reforzamos a colaboración que vimos mantendo nos últimos cinco anos con Adega” en diferentes actividades, fundamentalmente de educación ambiental, unha boa parte deles no marco do programa “Da Escola á Granxa”.

A concelleira de Cultura Maite Ferreiro tamén valorou a traxectoria da asociación ecoloxista “con xente moi implicada, persoa que estiveron aí durante todo este tempo” facendo fincapé “na necesidade de seguir apoiando e traballando pola conservación do noso patrimonio natural”. Nese sentido, destacou que “ a cidade de Lugo non sería a mesma sen ese entorno natural do que tan orgullosas nos sentimos e que tanto valoran as persoas que nos visitan

O secretario xeral de Adega Froilán Pallín enunciou algúns dos episodios máis destacados do activismo de Adega nestes cincuenta anos en Lugo, destacando, entre outras, as campañas para preservar a actual zona verde entre a Pazo de Feiras e o Miño ou a defensa do territorio fronte a proxectos contaminantes desde a central nuclear de Xove (A Mariña) até a macrocelulosa de Altri. “Esta historia dos cincuenta anos estará recollida nas mesas redondas do 7 de xuño, dentro dun programa bastante ambicioso”.

Programa

11.00 Feira de produtos do agro, ecolóxicos, artesanía, asociacións.

11.30 Presentación e proxección do documental A terra por gañar

12.00 Xogos tradicionais a cargo de Xotramu

12.00 Actuación Troupelear (Branca Villares e Pablo Pintor)

12.30 horas. Mesa redonda: ADEGA, 50 anos coidando a terra

Participan:

Ramón Varela: “Comparación dos conflitos do inicio de Adega cos actuais”

Adela Figueroa: “Adega, uma olhada através do tempo”

Daniel Vispo: “Ecoloxismo de futuro con raíces de país”

Esther Forneas: “Lugo, a vida dunha delegación implicada”

Modera: Afonso Eiré.

13.30 . Actuación Axeigo

14.30 . Romaría.

16.30 Mesa redonda: A loita continúa: as principais ameazas de hoxe

Participan:

Belén Rodríguez “A defensa da terra fronte a actual invasión eólica”

Fins Eirexas: “Novos tempos, vellas loitas: os desafíos actuais do ecoloxismo fronte ás agresións do capitalismo terminal”

Ana Fdez Santamariña: “Altri: evidencias e incertezas”

Xosé Manuel Fernández: “O urbanismo en Lugo: os ríos sen voz!

Modera. Froilán Pallín

17.00 Concertos: Uxía Lambona e a banda molona

19.00 Caivanca

20.30 Catro nun zoco

22.00 Filophóbicas

23.30 Loita Amada