Adega e Afectados polas Infraestruturas de Cambre denuncian o intento de reactivación "ilegal" da Vía Ártabra na Gándara
En 2022, o TSXG ditou dúas sentenzas que anularon, respectivamente, o proxecto de trazado e o proxecto de construción da Vía Ártabra que remata na AP-9 e que afectaría directamente ao humidal da Gándara.
A asociación ecoloxista Adega e a asociación veciñal Afectados polas Infraestruturas de Cambre amosaron a súa oposición ao actual proxecto de ampliación da Vía Ártabra (AC-221), na súa ligazón coa AP-9 na zona da Gándara, en Cambre (comarca da Coruña). Ambas as asociacións piden que “non se ignoren as sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que anularon integramente o trazado e o proxecto construtivo por graves irregularidades no procedemento”.
O colectivos cualificaron calquera intento de reactivar este proxecto como “ilegal” e esixen que se "comece de cero" toda a tramitación, cun novo estudo de impacto ambiental que contemple a “protección do humidal da Gándara”.
Dúas sentenzas que tomban o proxecto
En 2022, o TSXG ditou dúas sentenzas que anularon, respectivamente, o proxecto de trazado e o proxecto de construción da Vía Ártabra que remata na AP-9 e que afectaría directamente ao humidal da Gándara. O TSXG declarou a nulidade do proxecto de trazado porque "debía ter sido aprobado polo Consello da Xunta" e non por un director xeral, como ocorreu en 2009. O tribunal considerou este feito un "grave vicio procedimental", motivo suficiente para anular todo o proceso. O mesmo tribunal deixou sen efecto o proxecto de construción aprobado polo Consello da Xunta en decembro de 2018 debido a que o informe que analizaba as alegacións presentadas tiña data de xaneiro de 2019.
Esgotado o percorrido legal do proxecto
Ao tempo, a Xunta esgotou todas as vías legais para a defensa deste proxecto, xa que en novembro de 2022 o Tribunal Supremo non admitiu o recurso de casación presentado pola Administración galega.
Neste senso, confírmase a nulidade do trazado proposto pola Xunta da Galiza para a ligazón coa AP-9 na Gándara. Debe considerarse a alternativa de conexión na zona de Catro Camiños, que posibilitaría a posterior ligazón da Vía Ártabra (AC-221) coa A-6.
O humidal da Gándara: o eixo do conflito
As asociacións lembraron que, aínda que as sentenzas se basearon en cuestións formais, o fondo da oposición veciñal e ecoloxista foi “sempre” a protección do humidal da Gándara. Nas alegacións presentadas por numerosos colectivos e polo propio Concello de Cambre, xa se denunciaba en 2008 "a grave afección do espazo fluvial do río Gándara, rego das Folgueiras e a práctica desaparición da área húmida da Gándara", así como a "inexistencia dun verdadeiro estudo ambiental" que analizase alternativas viables.
Adega advertiu de que, malia as sentenzas, a Xunta completou a ligazón de Iñás (Oleiros) e mantén "en suspenso" a conexión coa AP-9, pero “sen renunciar ao trazado orixinal”. Desta maneira, mentres non se principie un novo procedemento con todas as garantías, a Gándara “segue ameazada por un proxecto que a xustiza xa declarou nulo”.
Os colectivos sociais anunciaron que presentará alegacións a calquera intento de "maquillar" o vello proxecto e exixirán que se cumpran integramente os fallos xudiciais. "Imos defender a Gándara con todos os instrumentos legais ao noso alcance".