Acusan a dirección da CRTVG de “branquear” Land Rober tres días despois do “grave incidente machista”

CIG da CRTVG pregunta pola emisión este domingo do especial “As tentacións de Rober”, centrado no presentador do 'Land Rober'.

A Marcha Mundial das Mulleres puxo en marcha unha campaña para enviar unha denuncia masiva

CIG denuncia que este domingo a CRTVG emitiu o especial As tentacións de Rober, unha redifusión na que, indican, “profesionais dos medios públicos galegos contan aos espectadores “o lado descoñecido” do presentador Roberto Vilar”. Unha emisión que se realiza apenas 3 días despois do “grave incidente machista” no programa da CRTVG presentada por esta persoa.

Para a sección sindical da CIG, esta emisión “só pode entenderse como un intento de branquear a súa imaxe após o grave incidente de violencia machista da pasada quinta-feira no que o programa argallou un engano para propiciar o encontro entre un agresor e a súa vítima, sen o consentimento desta”.

A sección sindical da CIG da CRTVG xa denunciara en setembro de 2018 unha autopromoción de “Land Rober” na que o seu presentados, Roberto Vilar, anunciaba a volta do programa á pantalla da TVG despois do verán e, en chave humorística, tentaba convencer á audiencia de “ser mellor ver Land Rober que pegar a unha vella”.

Campaña da Marcha Mundial das Mulleres

A indignación provocada polo programa levou tamén a diversos colectivos feministas a denunciar o acontecido, nomeadamente a Marcha Mundial das Mulleres: “Os responsábeis do programa fixeron vivir un episodio de violencia a unha muller ao pretender que se encontrase cun ex-compañeiro baixo a premisa de “facer triunfar o amor”. O resultado foi unha muller agredida que acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas exposta publicamente”.

Por iso puxo en marcha unha campaña animando a enviar un texto ao correo info@crtvg.es que de seguido reproducimos:

“Aos responsábeis da CRTV, TVG e Land Rober Tunait Show: Por medio desta comunicación queremos expresar o noso rexeitamento e denuncia da situación vivida no programa emitido o 08/04/2021 no que unha muller se viu violentada polo programa ao intentar convencela de reunirse publicamente cun home que a agredira previamente.

Os responsábeis deste programa de televisión non valoraron en ningún momento o consentimento desta muller ante a petición dunha exparella de reunirse de novo con ela mediante o programa.

Non valoraron tampouco asegurarse que non existían problemas entre esas persoas que pretendían reunir e, como foi o caso, se non existían ademais antecedentes de agresións cara á muller por parte do seu ex, ao que permitiron e axudaron a violentar novamente a esta persoa.

Unha vez máis vemos a irresponsabilidade dos medios de comunicación que ignoran sistematicamente a necesaria prevención á hora de colocar ás mulleres neste tipo de situacións.

A historia audiovisual ten escrito páxinas moi negras en relación a colaborar con agresores para voltar colocar ás persoas violentadas en situacións comprometidas e semella que segue sen entenderse a necesidade de non acceder a ningunha petición que non conte coa aprobación da outra persoa ou persoas involucradas.

Solicitamos á CRTVG que se coloquen os medios necesarios para que ningunha muller volte vivir este tipo de situacións”.