O acusado pola explosión da pirotecnia ilegal de Tui acepta 4 anos de cárcere

Cascallos tras a explosión do almacén pirotécnico ilegal en Paramos, Tui (O Baixo Miño), en maio de 2018. (Foto: Europa Press)
Paramos foi declarado "zona catastrófica" tres meses despois da explosión

O responsábel do almacén pirotécnico ilegal de Paramos, en Tui (O Baixo Miño), que explotou en maio de 2018, causando a morte a un matrimonio, decenas de feridos e cuantiosos danos materiais, recoñece os feitos e aceptará 4 anos de prisión. Con todo, queda por despexar, na vía civil, quen se fará cargo de sufragar os danos.

Ese é o acordo alcanzado entre as partes presentadas nesta causa, co propio acusado e coa Fiscalía, que inicialmente pedía 14 anos de cárcere. Deste xeito, cando o xuízo sexa sinalado na Audiencia Provincial de Pontevedra, celebrarase unha vista de conformidade.

Os termos do acordo recollen esa condena de 4 anos por dous homicidios imprudentes, ademais de 27 delitos de lesións e un delito de dano catastrófico, segundo informou á axencia Europa Press o portavoz da Plataforma de Afectados de Paramos, Salvador García.

Ademais, acordouse tamén que o investigado, Francisco G.L. sexa inhabilitado para oficio ou profesión relacionada coa actividade pirotécnica durante 18 anos, e que se lle impoña unha orde de afastamento da 'zona cero' da explosión, de maneira que non poida aproximarse a menos dun quilómetros durante 6 anos.

Á marxe deste acordo relativo á responsabilidade penal, queda por dilucidar aínda a responsabilidade civil, xa que a explosión produciu danos en 430 vivendas e case 80 vehículos. O portavoz da Plataforma de Afectados lembrou que a estimación de danos supera os 12 millóns de euros.