O acusado de asasinar Beatriz Lijó ante os fillos en Baiona confesa ser o autor do crime

Saída dos Xulgados do asasino de Beatriz Lijó, o pasado 8 de febreiro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A defensa do acusado reclamou que se lle aplicasen as atenuantes de arrebato, obcecación, confesión e reparación do dano.

O home detido o pasado 6 de febreiro como presunto autor do asasinato do seu exmujer en Baiona (Pontevedra), Ángel Rodríguez, recoñeceu esta sexta feira que a matou, e que a atacou cun pequeno coitelo de cociña e cunha machada, da que logo se desfixo tirándoa nunha zona de monte.

Así o explicou o seu letrado, Saúl Vidal, á saída da vista decorrida no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, onde o investigado foi sometido a interrogatorio (nunca até o de agora quixera declarar) e, ante a xuíza, recoñeceu que matou Beatriz Lijó.

As acusacións (Fiscalía, acusación particular e Xunta da Galiza, acudida como acusación popular) piden que se lle impute un delito de asasinato e dous delitos contra a integridade dos menores, en relación aos seus fillos, que presenciaron o crime.

Mentres, a defensa reclamou que se lle aplicasen as atenuantes de arrebato, obcecación, confesión e reparación do dano.

Toma de mostras

Ademais da toma de declaración, procedeuse á toma de mostras biolóxicas do investigado para o seu posterior cotexo, segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).