ACUMULA MáIS DE 2.700€ EN MULTAS

Un activista de 74 anos enfróntase a un xuízo polo desafiuzamento de Aurelia Rei

NICANOR

Nicanor Acosta, activista de Stop Desafiuzamentos, será xulgado este martes na Coruña por participar nas mobilizacións contrarias ao despexo da anciá Aurelia Rei en febreiro de 2013.

Aos seus 74 anos, Nicanor Acosta é un dos activistas multados pola Delegación do Goberno por participar nas mobilizacións que trataron de frear o desafiuzamento de Aurelia Rei en febreiro de 2013. Logo de presentar recursos pola vía administrativa, a xustiza resolverá esta terza feira o procedemento. Acúsaselle da “provocación de reaccións no público que alteren ou poidan alterar a seguridade cidadá” e pídenselle 600 euros de sanción económica.

Nun comunicado, Stop Desafiuzamentos sinala que “o que parece non entender nin a Policía Nacional nin a Delegación do Goberno é que as reaccións no público as causaba un grupo de homes armados e uniformados que agrediron a xente para intentar botar da súa casa a unha octoxenaria, e non un home maior cun megáfono”.

Stop Desafiuzamentos lembra que Nicanor Acosta é un dos activistas que adoita estar presentes en todas as mobilizacións, polo que “ten sido un obxectivo sistemático da represión policial. Neste sentido, o activista de 74 anos ten multas pendentes por valor de máis de 2.700 euros en relación ás protestas contra os despexos, á marxe das sancións correspondentes ao seu compromiso con outras loitas sociais, como no caso das preferentes.

Con motivo do xuízo, Stop Desafiuzamentos convocou unha concentración esta terza feira, 13 de outubro, ás 9.30h, diante do edificio Proa, en Matogrande (A Coruña), onde se atopa o Xulgado do Contencioso-Administrativo.

Nicanor Acosta é unha máis das persoas activistas que tiveron que sentar no banco dos acusados en relación ás mobilizacións que trataron de frear o despexo de Aurelia. Antes de Nicanor xa pasaron polas instalacións xudiciais da Coruña en relación ao caso de Aurelia o coñecido bombeiro Roberto Rivas, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o ex portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, ou o activista Adolfo Naya.