Activo o plan Camgal en fase de alerta por unha vertedura de gasóleo en Ferrol
A Xunta da Galiza activou o Plan Territorial de Contaminación Mariña da Galiza (Camgal) en fase de alerta pola presenza dunha mancha de gasóleo no porto de Ferrol.
Segundo informou o 112, anteriormente, e por parte da Autoridade Portuaria de Ferrol, activouse o PIM (Plan Interior Marítimo) en fase 0 tras a vertedura de combustíbel procedente dun pesqueiro, que afectaba tanto á terra como ao mar.
Despois de recibir o aviso, os xestores do 112 Galiza puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas da Galiza, dos Bombeiros de Ferrol, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol.
Segundo as Autoridades Portuarias de Ferrol-San Cibrao, "a vertedura está controlada" e foi xerada por unha embarcación marisqueira que estaba en seco e non sobre a auga.
A perda de combustíbel afectou á zona de seco, pero chegou tamén ao mar, motivo polo que se activou o Plan Interior Marítimo, coa colocación de material absorbente.