Activado o plan Inungal ante o posíbel desbordamento do río Lérez en Pontevedra e do Mera en Ortigueira

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Europa Press)

As precipitacións acumuladas alcanzaron esta segunda feira  en Lousame máis de 144 litros por metro cadrado.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou nas últimas horas o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións na Galiza (Inungal), ante o posíbel desbordamento do río Lérez, ao seu paso por Pontevedra, e do río Mera, en Ortigueira (Ortegal).

A información recibida a través dos sistemas de seguimento puxo de manifesto un crecemento significativo do caudal, o que pode dar lugar a crecidas puntuais no seu curso.

Así, desde o CIAE 112 Galiza volven lembrar as recomendacións para estes casos: non realizar actividades nestes espazos fluviais, non cruzar zonas alagadas, abandonar os vehículos e buscar zonas altas se a auga nos alcanza ou buscar zonas elevadas en caso de inundación en vivenda.

Precipitacións abundantes

Esta segunda feira rexistráronse chuvias copiosas na zona noroeste da Coruña, onde se activou a alerta laranxa por precipitacións. Segundo os rexistros de Meteogalicia, na estación de medición de Muralla, en Lousame (comarca de Noia), chegaron a acumularse 144,5 litros por metro cadrado; e en Coto Muiño, en Zas (Terra de Soneira), máis de 99 litros por metro cadrado.

Igualmente, rexistráronse precipitacións abundante nas estacións de Fontecada en Santa Comba (Xallas) con 96,8 litros/metro cadrado; en Xesteiras-Cuntis (comarca de Caldas), con 6,5 litros/metro cadrado, e O Fieitoso-Rianxo (O Barbanza), con 86,5 litros/metro cadrado.

Esta terza feira mantense o aviso de nivel amarelo por ondada nas comarcas do litoral oeste e noroeste.