Activado o Plan de emerxencias nas Somozas pola saída da vía dun camión de transporte de mercadorías perigosas

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)

A inestábel posición do vehículo fixo que perdese unha pequena parte da súa carga.

A Xunta da Galiza activou esta cuarta feira o Plan de Emerxencia pola saída da vía dun camión de transporte de mercadoría perigosa en Cal dá Ortiga, Seixas, no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra).

A posición inestábel do vehículo, xunto cunha pequena perda da carga que polo momento tentan controlar os equipos de emerxencias -- pequenos vultos --, así como a proximidade de regatos e vivendas próximas obrigou a activar o Plan de Emerxencias por accidente de transporte de mercadoría perigosa implicado (Transgal).

Así o comunicou o 112, que recomendou ademais evitar aproximarse á zona e seguir as indicacións das autoridades.

Os medios e recursos que interveñen na zona están a buscar a maneira de retirar vehículo e carga nas mellores condicións de seguridade para a contorna e a cidadanía.

Entre eles, os bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira, a Garda Civil de Tráfico, técnicos da Consellaría de Medio Ambiente, técnicos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.
 

As Somozas, o 'pozo negro' das verteduras de produtos tóxicos

En marzo deste mesmo ano a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático ordenou a suspensión dunha parte da actividade do Centro de Tratamento de Residuos Industriais da Galiza (Ctrig),nas Somozas, como medida cautelar e preventiva ante a detección de varios casos de intoxicación na contorna. Unha decisión tomada despois de varios avisos de centros sanitarios da comarca advertindo da existencia de pacientes que referían diferente sintomatoloxía de carácter leve, como dores de cabeza e molestias oculares, entre outras.

Un ano antes, en febreiro de 2024, a sociación ecoloxista Arco Iris fixo pública unha denuncia de veciños das Somozas, que "detectaron unha actividade ilegal" nas proximidades da planta de residuos, e sinalou que se produciron verteduras de produtos tóxicos "cuxa natureza exacta descoñécese". A asociación explicou que se puxeron estes feitos en coñecemento das autoridades de Medio Ambiente, ante un "grave atentado ambiental", e asegurou que unha veciña da zona tivo que ser atendida nun centro de saúde tras estar en contacto directo con eses residuos.

Arco Iris denunciou a presenza na zona de varios camións de gran tonelaxe, procedentes de Portugal, "que presuntamente se desfixeron da súa carga tóxica nunha enorme parcela que serve de entulleira clandestina".

Segundo advertiron, as augas subterráneas "xa foron afectadas" e os efectos da vertedura poden verse nalgúns cursos fluviais augas abaixo desta parcela, que estaría a ser utilizada por "unha rede ilegal dedicada ao tráfico, vertedura e enterro de todo tipo de substancias prexudiciais para o medio ambiente e a saúde pública".