Un acordo entre USC e Erguer reduce os prezos dos menús universitarios

O xerente da USC e representantes de Erguer durante a reunión.

Será a 6,5 euros.

Acordo entre a Xerencia da Universidade de Compostela e a asociación estudantil Erguer. Estudantes da Galiza para que se baixe o prezo do menú nas cafetarías universitarias. Así o afirma o colectivo de estudantes a través dun comunicado.

“Após as protestas convocadas pola organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza a finais do ano pasado e unha reunión con Xerencia o 19 de Xaneiro, ambas as partes chegaron a un acordo para garantir un descenso nos prezos das cafetarías para os estudantes da USC”.

Esta medida, indica o colectivo, que entrará en vigor dende a primeira semana de febreiro, devolve o prezo dos menús a 6,5 euros desde os 7,5 euros aos que fora elevado no mes de novembro, causando descontento entre a comunidade universitaria”. 

“A nova proposta desde Xerencia asegura que en ningún momento se prexudicará a calidade dos produtos nin do servizo e que os estudantes gozarán de novo do prezo orixinal, grazas á integración dun novo sistema de identificación a través da aplicación móbil da universidade. Esta diferenciación permitirá ás cafetarías aplicar custos distintos entre estudantes, profesorado e persoas fóra do ambito estudantil”.

Desde Erguer aseguran que esta medida “é un pequeno paso, mais fundamental para defender a condición das estudantes” e considérao unha vitoria para toda a comunidade estudantil. Á vez que sinalan, “seguiremos demandando á universidade prezos máis reducidos, xestión pública das cafeterías e un aumento na oferta das axudas de comedor”.