Acordo para restituír varios topónimos: A Caniza, O Porto do Son, Cangas de Morrazo, O Riós, Pastoriza, Alfoz de Castro de Ouro...
A Xunta da Galiza e a Real Academia Galega (RAG) propoñen cambiar 2.532 denominacións de concellos, parroquias e lugares no Nomenclátor da Galiza, o rexistro oficial dos nomes das entidades de poboación da Comunidade. Así se deu a coñecer esta sexta feira no pleno da Comisión de Toponimia. Tras este trámite, o documento redactado polos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que recolle os nomes das entidades de poboación galega deberá ser aprobado proximamente no Consello da Xunta para a súa entrada e vigor.
O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, foi o encargado de presentar a proposta na xuntanza da Comisión de Toponimia canda outros académicos e persoal técnico da RAG. Previamente, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, compareceu ante os medios de comunicación xunto ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para informar das principais novidades.
Con esta revisión, salientou Monteagudo, dáse un paso máis na normalización da toponimia galega. "Os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da Academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona", explicou. O presidente da Academia lembrou ademais que, segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos da Galiza teñen como única forma oficial a galega e que lle corresponde á Xunta a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG.
José López Campos destacou "a necesidade de actualizar este documento, un labor imprescindíbel para non perder a nosa riqueza toponímica, e que nos comprometemos a revisar cunha maior periodicidade". Tal e como explicou o responsábel de Cultura, Lingua e Xuventude, esta sexta feira avaliáronse as conclusións derivadas de actualizar o traballo feito no ano 2003. "En total estudáronse 4.398 topónimos ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares", sinalou López Campos antes de precisar que os cambios afectan aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.
4.400 nomes revisados
O informe incrementa substancialmente o número de topónimos rexistrados, que pasan de 41.409 a 42.909 entre nomes de concellos, parroquias e lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría, máis de 1.100, son nomes de aldeas non contempladas polo INE por teren moi poucos habitantes, pero que se incorporan á listaxe grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas.
Canto aos topónimos xa incluídos no Nomenclátor aínda en vigor, ata o momento o Seminario de Onomástica revisou case 4.400 e ditou un novo ditame para 2.624. A etimoloxía do topónimo, as atestacións escritas na documentación histórica, a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos ou o uso oral e escrito que a veciñanza fai do topónimo son algúns dos criterios lingüísticos tidos en conta polos especialistas para propoñeren unha serie de cambios que pretenden emendar os erros detectados no Nomenclátor de 2003. Moitos deles teñen que ver coa omisión de artigo e outro grupo importante restitúe a forma dialectal propia de cada lugar.
Así, a gran maioría dos cambios corresponden a nomes de lugares ou parroquias, pero hainos que tamén atinxen nomes de concellos. Así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son; o mesmo acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, mentres que Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo e A Cañiza é A Caniza.
Hai ademais uns 300 nomes que se eliminan, moitos deles tras se comprobar que en realidade non son entidades de poboación diferenciadas, senón nomes de terras ou rúas.