Achan o cadáver dunha muller no interior dun pozo en Coles
04 de setembro de 2025 (12:12 h.)
O suceso tivo lugar no lugar de Sas, na parroquia de Santa Mariña de Albán.
O cadáver dunha muller foi achado esta quinta feira no interior dun pozo no municipio de Coles (comarca de Ourense). Segundo informou o 112, un particular alertou ao servizo ao redor das 10 horas. O suceso tivo lugar no lugar de Sas, na parroquia de Santa Mariña de Albán. O 061, bombeiros do Carballiño, o GES de Pereiro de Aguiar, a Garda Civil e Protección Civil mobilizáronse até o lugar.
Fontes próximas ao caso indican que o suceso ocorreu na súa vivenda particular e aínda que se investiga, apuntan que non hai signos de violencia. O cadáver foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para a súa autopsia.