En Defensa do Común prosegue coas accións de protesta contra o Porto

En Defensa do Común

A mobilización terá lugar o vindeiro venres. O día 7 de maio está prevista unha manifestación

A plataforma "En Defensa do Común" da Coruña ten programado para o vindeiro venres unha acampada diante da sede da Autoridade Portuaria herculina co obxectivo de paralizar a venda da Solana, un proxecto do ente que preside Enrique Losada e que ten por finalidade recadar cartos -calcúlanse uns dez millóns de euros- para reducir a débeda que supuxo a construción da dársena exterior de Punta Langosteira, valorada nuns 300 millóns de euros.

A acampada principiará o vindeiro venres, día 21, ás 16,30 horas y rematará até as 12,30 horas do día seguinte. Non será esta a única acción de protesta da comisión aberta En Defensa do Común, integrada e apoiada por máis de 60 entidades, xa que para o domingo 7 de maio está convocada unha manifestación.

A plataforma coruñesa defende a devolución de balde á cidade dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre, dos peiraos interiores, do cárcere provincial e dos terreos do Campo da Estrada para o seu uso público. Para acadalo queren que o goberno local, en mans da Marea Atlántica, convoque unha consulta popular, opción que xa está a ser explorada polos servizos xurídicos do propio Concello. A Autoridade Portuaria da Coruña cifra en dez millóns os beneficios que lle reportaría a privatización dos terreos e equipamentos afectados.