Aberto un carril da A-52 en dirección Vigo tras envorcar un camión que transportaba polietileno

Autovía A-52 ao seu paso por Oroso, na Cañiza. (Foto: Google Maps)
Produciuse unha vertedura de combustíbel controlada e os servizos de emerxencia descartaron calquera signo de contaminación por mor da carga do camión.

Os servizos de emerxencia continúan traballando para tratar de restabelecer as condicións óptimas de circulación na A-52 á altura da Cañiza (A Paradanta), logo de que un camión que transportaba polietileno envorcase na tarde desta terza feira e comezase a arder.

Foi pasadas as 3 horas da madrugada desta cuarta feira cando a Garda Civil de Tráfico confirmou que acababa de abrirse á circulación o carril esquerdo en sentido Vigo, malia que o dereito segue fechado. En concreto, o suceso ocorreu sobre as 14.30 horas no quilómetro 269 da A-52, ao seu paso pola parroquia canizá de Oroso. A última hora desta terza feira conseguiuse retirar o remolque do vehículo mediante o uso dun guindastre.

Durante o proceso, produciuse unha vertedura de combustíbel controlada, polo que esta mañá os operarios de mantemento da estrada desprazáronse ao momento para limpalo.

Pola súa parte, o condutor do vehículo puido saír do camión polo seu propio pé, aínda que recibiu axuda por parte da Policía Local. Foi atendido polos servizos sanitarios, que mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense até o lugar do accidente. Como medida preventiva fixouse un perímetro de seguridade de 250 metros. Así, os vehículos poden circular pola autovía en dirección Ourense.

Nos labores de extinción do incendio e seguridade viaria participaron a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, Grupo Especial de Seguridade (GES) de Ribadavia, Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) do Porriño, GES-Speis de Ponteareas e sanitarios de urxencias.

O camión transportaba na cisterna bólas de polietileno, que arderon e se solidificaron despois na zona das rodas da cabeza tractora. Isto dificultou o acceso ao foco do lume aos servizos de emerxencia, que descartaron calquera signo de contaminación.