Abel Caballero recúa e atrasa o apagado das luces de Nadal polo "impacto económico indescritíbel" en Vigo

Abel Caballero, canda outras autoridades, o día no que prendeu as luces, o pasado 19 de novembro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O alcalde de Vigo insiste en que o consumo eléctrico do Nadal de Vigo é "practicamente cero".

Só un día despois de anunciar que o alumeado de Nadal se apagaría o vindeiro domingo, 8 de xaneiro, Abel Caballero muda de opinión após recibir a petición de diferentes empresarios do sector do comercio e do turismo da urbe olívica, que alegaron que había centenares de reservas para a fin de semana do 14 e 15 de xaneiro, xa que en anos anteriores as luces ficaran até esas datas.

Nunha rolda de prensa decorrida na mañá desta cuarta feira, o alcalde de Vigo subliñou que escoitou esta solicitude dos hostaleiros, que representan uns 30.000 traballadores directos na cidade, sendo "moi receptivo" e "moi sensíbel" co que expuxeron, polo que decidiu atrasar o apagado unha semana máis.

Caballero reivindicou o "impacto económico indescritíbel" das luces de Nadal, debido a que permiten a chegada de miles de viaxeiros do resto da Galiza, o Estado español e Portugal. Segundo trasladaron os hostaleiros, a ocupación de camas na fin de semana do día 15 roldará 85%. "Iso significa compras en comercio e economía", engadiu.

A pesar de que esta terza feira o rexedor sinalara que se apagarían as luces o día 8 para facer un "xesto" de aforro enerxético, agora decide pospor esta medida. Por iso, Caballero precisou que o Goberno local porá en marcha un crédito extraordinario dun millón de euros para anovar 2.000 luces da cidade con lámpadas LED.

Estas sumaranse ás 3.000 luces que xa se prevía cambiar para aforrar enerxía. O alcalde insistiu en reiteradas ocasións en que o consumo eléctrico do Nadal de Vigo é "practicamente cero".

Reclamación da hostalaría

Todo iso partindo do contexto de que a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Zona Náutico de Vigo solicitou esta terza feira ao Concello que ampliase unha semana máis as festas, debido á "alta porcentaxe de reservas" que teñen os estabelecementos para a semana próxima.

Nun comunicado, mostraron a súa "sorpresa" ante a decisión anunciada de apagar o Nadal o día 8, xa que "carrexaría grandes prexuízos aos sectores turístico e comercial" da cidade, debido a que moitos viaxeiros xa reservaran praza en hoteis porque, en anos anteriores, as luces apagábanse sobre o día 15.