Abel Caballero abre as portas das praias de Vigo a madrileños e cataláns

O alcalde de Vigo, Abel Caballero (Ricardo Rubio / Europa Press)

O alcalde pediu á cidadanía que "non segregue" os habitantes destes dous territorios. A respecto, dos concertos do verán propuxo que no canto de eventos de 40.000 persoas habería que organizar 1.000 de 40 asistentes.

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, pediu á cidadanía que "non segregue" os habitantes da Comunidade de Madrid ou de Catalunya por seren os territorios do Estado máis afectados pola pandemia.

"Non podemos facer do contaxio un factor de segregación, temos que buscar o 'non contaxio', mais non de forma pexorativa porque é un fenómeno común", subliñou Caballero nunha entrevista con Europa Press, onde mostrou a "solidariedade" con cataláns e madrileños por soportar a "forte pandemia" e insistiu en non ter "prexuízos" cara aos cidadáns destes territorios.

En concreto, o alcalde de Vigo abriu as portas das "praias seguras" da cidade que preside aos madrileños e cataláns unha vez que as autoridades sanitarias permitan o tránsito polo territorio do Estado. A este respecto, sinalou que será o Ministerio de Sanidade quen decida cando a seguridade sanitaria permite "viaxar confiados".

A Respecto das praias de Vigo, Caballero ten previsto detallar nas próximas horas o seu plan para garantir a seguridade ante o coronavirus que constará dun sistema de cuadrículas para a aplicación do distanciamento social. Un método, dixo, compatíbel coa limpeza e desinfección que se realiza cada noite da praia.

Actos culturais do verán

Por outra banda, Abel Caballero pronunciouse sobre os actos culturais que se desenvolven no verán e chamou a deseñar un "novo ámbito social" que permita cumprir as recomendacións sanitarias.

No caso dos concertos, por exemplo, o alcalde de Vigo vaticinou que no canto de facer unha sesión á que, en condicións normais, acudirían 40.000 persoas, habería que celebrar 1.000 concertos aos que vaian tan só 40 asistentes respectando a distancia de seguridade.