A lotaría do 'Neno' toca na Galiza. Estes foron os lugares máis afortunados

Sorte do 'Neno' esta sexta feira (Foto: Europa Press).
O segundo premio do Sorteo do 'Neno', dotado con 75.000 euros o décimo, recaeu sobre o número 72.289, vendido nun total de oito municipios galegos.

O Sorteo do Neno, decorrido esta sexta feira, 6 de xaneiro, salpicou co seu segundo e terceiro premio un total de oito municipios da Galiza. Destaca Lugo como a cidade máis agraciada, logo de que un estabelecemento repartise 2,5 millóns de euros ao vender 100 décimos do terceiro.

O segundo premio do sorteo, dotado con 75.000 euros o décimo, recaeu sobre o 72.289, vendido de forma moi repartida por todo o Estado español. Na Galiza, deixou fortuna en oito municipios: Vigo, Pontevedra, Cangas, O Carballiño, Ourense, Lugo, Cervo e Ordes. En Vigo, foi o Bar Imperial, situado en Sanjurjo Badía, 216, o estabelecemento que vendeu tres décimos da cifra agraciada co segundo premio. Aínda que no local descoñecen a quen lle puido tocar, aseguran a Europa Press que están "contentísimos" e "xa celebrándoo".

Tamén se vendeu o 72.289 en Cangas, concretamente en Aldán. Caeu no estanco de Rozabales, aínda que a súa responsable, Chelo Millán, di a Europa Press que aínda descoñecen canto repartiron. "Estamos contentísimos", admite. E é que, ademais de que xa repartiron o segundo premio do Neno de 2021, hai pouco máis dun mes este negocio deu 4 millóns de euros coa Bonoloto a un dos veciños. "Entón, agora xa nos saímos. A sorte atopou o camiño", celebra Millán. Aliás, o segundo premio vendeuse nunha administración de Pontevedra cidade, concretamente a situada en rúa Eduardo Pondal, 50.

Un estabelecemento de lotarías de Cervo, pola súa parte, vendeu dous décimos deste segundo premio, dotado con 75.000 euros cada un. Trátase do hotel e restaurante O Almacén, situado na estrada de Sargadelos, 2, que tamén conta con outras terminacións agraciadas por este sorteo.

"Estamos contentos, porque isto (repartir un dos grandes premios) sempre aumenta moitísimo as vendas", celebra o seu dono, Tomás Mariño, en declaracións a Europa Press. Entre tanto, na cidade de Lugo, o Café del Centro, estabelecemento hostaleiro da Praza Maior, vendeu un décimo do 72.289 por máquina. Esta cifra tamén deixou beliscos en administracións de Ourense —Cafetaría Iglú—, O Carballiño —Bar Lérida— e Ordes —avenida Alfonso Senra, 129—.

En paralelo, un local de lotarías situado na capital lucense foi a que coroou a esta provincia como a máis afortunada esta sexta feira, Día de Reis. A administración número 9, situada en Rolda da Muralla, 61, foi un dos únicos tres puntos de todo o Estado, xunto con outros dous de Guillena (Sevilla) e Alzira (Valéncia), en vender o 18.918.

En concreto, venderon 100 décimos, a maioría a través do Bar Avenida de Rábade. Isto tradúcese nun total de 2,5 millóns de euros. José Manuel Gómez, o responsábel da administración, explica a Europa Press que están "moi contentos" porque sospeita que tocou entre veciños coñecidos. E é que este 18.918 é un dos seus números abonados, polo que levan xa tempo xogando con el.

Os municipios máis afortunados

Esta é a lista dos oito concellos galegos en que se vendeu o segundo premio:

- Vigo 

-Pontevedra 

- Cangas

- O Carballiño

- Ourense

- Lugo

- Cervo

- Ordes