A Plataforma en defensa de Corcoesto dí que o proxecto mineiro incumpre normas da UE e o estado

A Plataforma refírese ás irregularidades do proxecto mineiro de Corcoesto con respecto á Normativa Comunitaria e á Lexislación Española sobre a xestión de residuos.

A Plataforma pola defensa de Corcoesto veñen de informar mediante un comunicado que o proxecto mineiro de Corcoesto incumpre a Directiva Comunitaria 2006/21/CE, sobre xestión dos residuos de industrias extractivas que foi incorporada ao Ordenamento Interno Español por medio do Real Decreto 975/2009 de 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado polas actividades mineiras.

Segundo sinala esta plataforma, o proxecto mineiro presentado por Edgewater fai unha incorrecta clasificación das instalacións de residuos mineiros establecendo inxustificadamente que non son de categoría A, incumprindo de cheo a citada normativa. Desde a Plataforma afírmase que con esta intencionada clasificación, a empresa trata de evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire aos aspectos relativos á política de prevención de accidentes graves que se debe aplicar na xestión dos residuos de extracción, evitar a instauración dun sistema de xestión de seguridade e a posta en práctica dun plan de emerxencia interior no que se especifiquen as medidas que se deben tomar no caso de que acontezan este tipo de accidentes. Por outra banda, a Xunta de Galicia estaría obrigada a elaborar un plan de emerxencia exterior que debe ser comunicado, xunto con un protocolo de actuación, á poboación afectada no caso de que ocorran accidentes graves. A estes efectos, cabe recordar que o proxecto prevé empregar 1,5 toneladas diarias de cianuro, suficiente para envelenar letalmente cada día a case o triple (2,7 veces) da poboación de Galicia.