CIG anunciará hoxe un novo calendario de mobilizacións

Suso Seixo e Francisco Miranda nunha rolda de prensa
O secretario xeral da central sindical nacionalista, Suso Seixo, comparecerá esta mañá en conferencia de prensa. Nela prevese que dea conta do resultado das conversas que mantivo con CCOO e UGT en relación á proposta de mobilizacións unitarias que formulou a central nacionalista.

Ás 11h desta mañá o secretario xeral da CIG comparecerá en conferencia de prensa. Nela está previsto que Suso Seixo anuncie publicamente as datas das próximas mobilizacións sindicais.

Así mesmo, prevese que Seixo dea conta do resultado das conversas mantidas pola central sindical nacionalista con CCOO e UGT, en que a CIG lles trasladou unha proposta de calendario coa idea de manter a unidade de acción con que as organizacións sindicais veñen actuando desde principios do verán.

No caso de que os sindicatos estatais decidisen non se sumar á proposta unitaria da CIG, o sindicato nacionalista podería anunciar hoxe un calendario de mobilizacións propio, cos ollos postos na data en que o goberno central presente a súa proposta de orzamentos xerais do estado e na de inicio da campaña electoral do 21-O.