95 casos de varíola dos macacos detectados na Galiza e até 6.119 no Estado: estes son os síntomas das persoas contaxiadas

A OMS insta a illar e rastrexar os contactos estreitos dos casos positivos de varíola do mono para deter a transmisión. (Foto: Berkay)
O Ministerio de Sanidade estuda hoxe se aproba a división en cinco de cada vial da vacina contra a varíola dos macacos.

Até 95 casos de varíola dos macacos foron detectados na Galiza desde que a Organización Mundial da Saúde (OMS) puxo o mundo en alerta ante esta nova enfermidade.

No conxunto do Estado español, que lidera os contaxios detectados en Europa, súmanse xa 6.119, nunha listaxe que encabezan a Comunidade de Madrid (2.216), Catalunya (1.825), Andalucía (739) e o País Valencià (405).

No resto do territorio continental Alemaña informou até a data actual de 3.266 casos, seguida do Reino Unido, con 3.081; Francia, con 2.749; Países Baixos, con 1.087, e Portugal, con 810. Aliás, en todo o globo os EUA lideran a clasificación con 14.115 contaxios.

Perfil

Do total rexistrado no Estado español, o Ministerio de Sanidade apuntou que a inmensa maioría, 6.009, corresponde a homes, por volta de 110 mulleres. Aliás, a idade oscila entre os dez meses e os 88 anos, cunha idade mediana de 37 anos.

Entre a data de inicio de síntomas e a de confirmación da diagnose pasan, por termo medio, seis días, e o Ministerio informa dun atraso na notificación de casos, polo que a curva epidemiolóxica debe interpretarse "con prudencia".

Síntomas

Os casos con información clínica presentaron principalmente exantema anoxenital (59%), febre (54,4%), exantema noutras localizacións —non anoxenital nin oral-bucal— (52,1%) e linfadenopatías (50,8%). Un total de 286 casos dos 4.406 con información (6,5%) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico. As máis frecuentes foron as úlceras bucais e as infeccións bacterianas secundarias.

A vacinación, máis perto

Nesta segunda feira a Comisión de Saúde Pública, dependente do Ministerio, estudará se se comeza a administrar, ou non, a vacina contra a varíola dos macacos, unha estratexia que xa ten o aval da Axencia Europea do Medicamento (EMA, en inglés).

No caso de se autorizar a inoculación do fámarco dividindo cada vial en até cinco doses, a campaña de vacinación podería comezar esta mesma semana. Esta medida adoptouse por mor da escaseza de vacinas, xa que nos últimos días apenas chegaron 7.110 doses —que agora poderían partirse en cinco— ao Estado español.