Educación

75% das familias galegas endebédanse para pagar os libros de texto

Inicio do curso escolar nun colexio de Compostela. (Foto: Arxina)
O conselleiro Román Rodríguez defende a supresión da gratuidade dos textos escolares.

A comparecencia esta terza feira no Parlamento da Galiza do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, serviu para visualizar dúas realidades. Mentres o responsábel da Xunta da Galiza destacaba a “gran normalidade” co que comezou o novo curso escolar, os grupos da oposición facían chegar á Cámara as queixas e as eivas formuladas por Anpas e sindicatos nestas primeiras semanas do curso.

Na súa intervención, Rodríguez afirmou que “o ensino galego goza de boa saúde” e destacou o “modelo propio e diferenciado do ensino galego, baseado na calidade e na equidade”. Nesta dirección, destacou a “dixitalización e innovación dos centros educativos”, convertidos “en auténticos centros de aprendizaxe” e valorou “o avance da formación profesional, unha opción preferente para todo o estudantado”.

Ademais, o conselleiro de Cultura e Educación resaltou o "bo funcionamento do sistema de transporte escolar”, mais gardou silencio sobre o proceso xudicial aberto contra os membros do seu equipo polas adxudicacións á empresa Monbus. Na mesma dirección, defendeu a decisión do Goberno galego de suprimir a gratuidade dos libros texto e cualificou a opción da Xunta da Galiza como “a máis xusta”.

Os argumentos de Rodríguez non convenceron os grupos da oposición. Así, a deputada nacionalista Cristina Fernández denunciou os recortes acometidos desde 2009 polo PP e lembrou que “Galiza perdeu 841 docentes desde 2008, pasando de 31.371 ensinantes nese exercicio a 30.534 en 2022”. Ao tempo, referiuse “ao fechamento de 164 centros educativos nos últimos 15 anos” e “ao baixo investimento por habitante en educación pública".

A voceira do PSdeG en Educación, Noelia Otero, denunciou “o aumento da taxa de abandono escolar até 10%, moi ligado ás persoas con menos recursos” e advertiu do custo económico para as familias do comezo do curso. Nesta liña, o Instituto Nacional de Estatística (INE) afirma que 75% das familias galegas endebedáronse en 2022 para facer fronte aos pagamentos dos libros do texto.

Á cola en investimento  en educación

Galiza mantense nos postos de cola do Estado en investimento educativo. Así, o gasto educativo por habitante foi inferior en 40 euros á media do Estado en 2012; en 33 euros en 2013; en 38 euros en 2014; en 51 euros en 2015; en 36 euros en 2016; en 34 euros en 2017, en 48 euros en 2018; en 60 euros en 2019; en 50 euros en 2020; en 60 euros en 2021 e en 57 euros en 2022. Neste sentido, só en 2006, 2007 e 2008, co Goberno de coalición entre PSdeG e BNG dirixindo a Xunta da Galiza, se produciron destacados incrementos no orzamento educativo, con alzas de 7,8% para o primeiro exercicio, de 8,5% para o segundo e de 8,46% para o terceiro.

Á vez, o Goberno galego entregou ao ensino privado 2.526 millóns de euros nos últimos 10 anos. Segundo os datos do Ministerio de Facenda, correspondentes aos orzamentos liquidados de 2012 a 2021, último ano con cifras, o Goberno galego incrementou o seu financiamento aos centros concertados en 75,22 millóns nesa década, pasando de 234,36 millóns en 2012 a 302,58 millóns de euros en 2021.