73% das prazas residenciais en servizos sociais son privadas

Imaxe dunha persoa maior. (Foto: Xunta)
A porcentaxe de ocupación destas prazas é de 93%, que sobe até case 100% no caso das públicas (96,7% en 2021 e 97,8% en 2022). A cifra máis baixa de ocupación dáse en centros residenciais privados non financiados, 84% en 2022.

Até 73,2% das prazas residenciais nas entidades que prestan servizos sociais na Galiza son de titularidade privada, segundo unha enquisa que publicou esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE). En concreto, atendendo aos datos de 2022, o número de prazas dispoñíbeis sitúase en 26.212, delas 15.816 privadas non financiadas, 3.364 privadas financiadas e 7.032 públicas.

A porcentaxe de ocupación destas prazas é de 93%, que sobe até case 100% no caso das públicas (96,7% en 2021 e 97,8% en 2022). A cifra máis baixa de ocupación dáse en centros residenciais privados non financiados, 84% en 2022.

Na categoría de prazas residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade.

Mentres, na categoría de prazas non residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en gardarías ou escolas infantís, por maiores que asisten a centros de día e por persoas que asisten a centros que atenden necesidades especiais. 51% destas estaban ocupadas en 2022 por persoas menores de 50 anos.

Imserso

En abril deste ano publicouse o primeiro Censo de Centros Residenciais de Servizos Sociais do Estado español, editado polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), dependente do Ministerio de Dereitos Sociais. O documento sinalaba que na Galiza en 2023 había 21.389 prazas en residencias para maiores, distribuídas en 325 centros.  A Galiza conta cunha taxa de 14,51 centros de maiores por cada 10.000 persoas de 80 anos ou máis, unha cifra case catro puntos máis baixa que a media estatal. 

Mais, alén de ser poucas, o reparto destas prazas en canto a titularidade e xestión mostran un enorme peso do privado no modelo de dependencia da Galiza. 75% dos centros son privados, fronte a 25% de titularidade pública.

Deste total de 21.389 prazas, 9.000 están en centros privados con ánimo de lucro (42% do total de prazas), e 2.295 son de titularidade pública mais xestionadas por empresas con ánimo de lucro (11%). Hai tamén 7.600 prazas de titularidade privada e sen ánimo de lucro e, das máis de 21.000 totais, só 2.122 son de titularidade e xestión pública, ou sexa, apenas unha de cada dez.