A Xunta estuda medidas fronte aos sanitarios non vacinados

70% dos doentes ingresados na UCI por Covid non están vacinados

A Xunta estudas medidas para os sanitarios non vacinados. (Foto: vladim_ka).

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou esta mañá que “a porcentaxe na UCI de persoas sen vacinar é de 70%” e avanzou novas medidas en relación cos sanitarios non vacinados.

O máximo responsábel sanitario da Galiza amosou a súa preocupación pola porcentaxe de sanitarios que prestan os seus servizos no sistema galego de saúde e que non teñen inoculada ningunha dose da vacina.

Sanitarios non vacinados

“Nós traballamos de forma intensa para que todos os sanitarios que están a atender aos doentes estean vacinados. Neste sentido, igual que a unha persoa da rúa non lle podemos esixir que se vacine, si podemos pór mecanismos para poder tentar que teñan maiores posibilidades de vacinarse. E no caso de non estar vacinado, ter outro mecanismo como facerse probas”, destacou o conselleiro.

Comesaña precisou que o seu departamento “traballa agora mesmo desde o punto de vista normativa para implantar” a medida. Así, lembrou que “é necesario garantir que en determinados postos, o persoal estea en condicións de seguridade respecto aos doentes e aos compañeiros”.

O conselleiro de Sanidade demandou prudencia e significou que el “non recomendaría a ninguén dun contacto estreito  que se vaia a cear, a comer ou a casa de alguén”. “Recomendamos facer vida normal pero con precaucións”, aseverou o responsábel sanitario.

Certificado Covid nos menores de 12 anos

Comesaña referiuse, tamén, ao certificado Covid nos menores de 12 anos. “Eu dubido”, afirmou o conselleiro que “até que non teñamos a segunda dose nos nenos abordemos o certificado. É verdade que xa cunha dose poderíamos poñelo en marcha, pero, e  un tema que tampouco está fechado a nivel europeo, seguramente esperemos a ter a segunda dose completa”.

“Cos mecanismos que tivemos e sen vacinar, non houbo grandes problemas. O nivel de complicación que tivemos até o de agora, probabelmente non xustificaría entrar na dinámica de pedir certificados nos colexios; si noutras contornas”, especificou o conselleiro.

O titular da carteira de Sanidade explicou que “non se afondou” aínda nesta cuestión, mais deixar fora ás escolas “ten que ver co contexto do que os contaxios significan”. “Vendo o funcionamento nos colexios, non debería ser prioritario”, insistiu Comesaña, quen considerou máis necesario actuar noutros ámbitos como “hostalaría, cinema ou eventos masivos”