70% das vítimas de violencia sexual son menores

A memoria 2021 da actividade xudicial da Galiza recolle que 21% de persoas novas consideran que a violencia de xénero non existe. (Foto: Europa Press)
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza vén de publicar a edición 2021 da 'Memoria da Actividade Xudicial dos Tribunais e Xulgados', que por vez primeira reflicte datos de xuízos sobre violencia sexual. A principal conclusión á que chega o informe é que 70% das 108 vítimas recollidas eran menores de idade.

As Audiencias da Galiza xulgaron en 2021 un total de 89 persoas por violencia sexual, unha media de oito ao mes, por agresións ou abusos sobre 108 presuntas vítimas, 70% menores de idade.

Así o anunciou onte o presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, na presentación da Memoria da Actividade Xudicial dos Tribunais e Xulgados da Galiza de 2021, que "por vez primeira" reflicte datos sobre este tipo de xuízos.

Díaz-Castroverde alertou de que existe unha base social "importantísima" que son as "mulleres menores de 16 anos", un feito co que hai que "lidar" para evitar que iso se produza.

Na súa comparecencia, insistiu ademais en que "hai que traballar coas contornas próximas á vítima, porque moitas veces son determinantes e causantes do abuso" xa que en 86% dos casos existía unha relación previa. 71% deles foron condenados.

Segundo Díaz-Castroverde, cifras como que 21% das persoas mozas consideren que a violencia de xénero non existe é algo "realmente insostíbel". Neste sentido, destacou que a educación é "fundamental" e un dos instrumentos "máis importantes" é o programa Educar en Xustiza, no cal participaron o pasado ano 500 estudantes de centros galegos.

As discotecas terán 'Puntos Violeta'

As salas e estabelecementos de lecer nocturno do Estado español contarán con puntos violeta contra a violencia machista para loitar contra as agresións sexuais, tras a firma dun acordo entre o Ministerio de Igualdade e a Federación Nacional de Empresarios de Lecer e Espectáculos. "Temos a vontade compartida de deixar claro que a rúa e a noite tamén son nosas", dixo onte a ministra Irene Montero.

Condenado un cura por abusar dun menor

Por outra parte, onte coñeceuse que a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense emitiu unha sentenza na que se desestima o recurso de apelación interposto e ratifica a condena contra un párroco que exerceu en Avión e que foi condenado por abusar sexualmente en 2006 dun neno ao que deu catequese.

Así o recolle unha resolución xudicial que confirma que o sacerdote deberá pagar unha multa de 2.700 euros, ademais de indemnizar a vítima con 3.000 euros en concepto de danos morais, e permanecer afastado dela durante un ano. A Audiencia dá por probado que, no verán de 2006, o párroco preparaba a vítima para recibir o sacramento da Primeira Comuñón.