A circulación na A-52 e a N-525 recupera a normalidade mentres segue interrompido o tráfico ferroviario
A circulación na A-52 restabeleceuse tras permanecer cortada ao tráfico, segundo informa o 112 Galza que explica que non hai cortes nin tampouco na N-525.
Mentres, a situación do tráfico ferroviario non variou e segue cortada a circulación. Todo iso nun contexto no que seguen activos os protocolos de protección á cidadanía (situación 2) en toda a provincia de Ourense.
Pola afectación dos incendios, informouse que se mantiña cortada a A-52, no quilómetro 173, en Cualedro (comarca de Verín). A pasada noite comunicouse que a A-52, que sufriu problemas importantes esta quinta feira, cuns mil vehículos retidos ante as chamas, estaba reaberta en ambos os dous sentidos.
Mentres, na pasada xornada informouse de que o servizo ferroviario de alta velocidade entre Madrid e a Galiza seguirá interrompido até novo aviso ante a evolución dos incendios forestais.
"Coa seguridade dos viaxeiros como prioridade, e tamén dos servizos de emerxencias que traballan na extinción, Adif manterá suspendido o servizo ferroviario ata que a dirección da extinción dos incendios que se rexistran en Zamora e Ourense, principalmente, autoricen o paso de trens con plenas garantías de seguridade", explicaron Renfe e Adif nun comunicado.