48 concellos galegos entran no nivel máximo de alerta por episodios de calor

O emprego de equipos de aire acondicionado dispara a demanda enerxética nos días de calor (Foto: Europa Press).

Outros 90 concellos entran no nivel 1 de alerta.

A Xunta da Galiza, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posíbeis efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vén de declarar a situación de alerta por episodio de calor nivel 3 (máximo) en varias zonas que abranguen un total de 48 concellos galegos.

Na zona das Rías Baixas, os concellos afectados son Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Nas comarcas pontevedresas do interior, os termos municipais en alerta máxima son Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Alerta nivel 1 en 90 concellos

Por outra parte, o Goberno galego declarou a situación de alerta nivel 1 por episodios de calor noutros noventa concellos. No noroeste coruñés, os municipios afectados son Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño e Vilarmaior.

Nas comarcas coruñesas do interior os concellos son Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.

No caso da comarca do Valdeorras, os municipios en alerta nivel 1 son O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras. Por último, Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui, tamén na zona do Miño, quedan neste nivel de alerta.

Situación de nordés até o domingo

Segundo os datos que recolle Meteogaliza, nos vindeiros días continuaremos baixo a influencia das altas presións estacionarias ao norte da Península, xerando unha circulación do nordés que se irá debilitando progresivamente.

Esta situación favorece a entrada de aire moi cálido africano. Agárdase así un episodio de calor, especialmente ao suroeste da do país.

Unhas condicións climatolóxicas que se estenderán o sábado a todo o oeste da Galiza. O domingo, a posíbel formación de brétemas costeiras nas Rías Baixas reducirá a intensidade do episodio de calor nesta zona.