43% da superficie que ardeu en agosto no Estado español está na Galiza, onde máis territorio ardeu, con 143.628 hectáreas
O 43% da superficie queimada en agosto por incendios forestais no Estado español está na Galiza, segundo datos do Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (Effis) de Copernicus ao 31 de agosto. Isto corresponde a un total de 143.628 hectáreas, o que sitúa á comunidade como a de maior superficie afectada no último mes.
En total, os incendios forestais queimaron 336.345 hectáreas no conxunto do Estado español durante o mes de agosto. Esta cifra é un 7% inferior aos últimos datos ofrecidos por Copernicus, que estimaba que entre o 1 e o 21 de agosto queimáranse 362.473 hectáreas, debido a que a información satelital vaise axustando e mellorando a súa resolución.
Así o avanzou esta sexta feira a vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen, durante a súa comparecencia na Comisión de Transición Ecolóxica no Congreso. Os principais cambios afectan especialmente a aquelas comunidades autónomas que o día 21 de agosto, última información fornecida oficialmente polo Ministerio, seguían tendo incendios forestais activos.
Por comunidade autónoma, a maior superficie afectada prodúcese na Galicia, con 143.628 hectáreas, o 43%; Castela e León, 141.264 hectáreas, o 42%, e Estremadura, 41.525 hectáreas, o 12%. Estas tres autonomías aglutinan o 97% da superficie afectada no mes de agosto. As 10.000 hectáreas restantes distribúense no resto das comunidades autónomas que tiveron algún episodio de incendios durante o pasado mes de agosto.
Desa cifra, 325.000 hectáreas corresponden a grandes incendios forestais, incendios de máis de 500 hectáreas, o que supón que o 97% da superficie afectada foi precisamente por estes grandes incendios forestais. A superficie arborizada afectada son 128.350 hectáreas, case o 40% da superficie afectada polos incendios.
Biodiversidade
No caso da Rede Natura 2000, a superficie queimada polos incendios forestais ascende ás 146.190 hectáreas, é dicir, o 43% da superficie queimada. Víronse afectadas tamén áreas críticas para a supervivencia de máis de 350 especies en perigo de extinción, vulnerábeis ou nalgún réxime de protección segundo a listaxe LESPRE, especies como o urugallo, o oso pardo, o lince ou a cegoña negra.
"Enfrontámonos a unha perda que vai máis aló do inmediato. Os incendios teñen un efecto amplificador noutra das grandes crises que sufrimos, que é a crise da biodiversidade, un valor esencial. Un valor que tamén está a sufrir con crueza esas zonas protexidas, ambientais, esas reservas da biosfera", lamentou Aagesen.