4 de maio: Presentación do proxecto xornalístico do diario en galego

Grupo impulsor durante a presentación do proxecto para a saída do diario, o 27 de xaneiro de 2018

En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. anunciou o lanzamento dun diario en papel para 2019. Desde aquela seguimos un percurso destinado a socializar o proxecto e a lograr o compromiso dun mínimo de 3.000 persoas que, coa súa subscrición, garantisen a viabilidade económica do proxecto.

Alcanzados eses obxectivos mínimos ao longo de 2018, fieis ao noso compromiso de construír o proxecto sobre o marco da pluralidade, do diálogo e da participación de todas as persoas que conforman a nosa base leitora, queremos neste ano andar máis un treito no camiño de facer realidade tanxíbel o diario en papel e dixital que Galiza precisa.

 

En 2019 estamos preparando o lanzamento do medio para finais deste ano, ampliando a base de subscricións e dotándoo de corpo xornalístico e económico para lograr produto informativo útil para o pobo galego e tamén sostíbel economicamente no tempo.

 

Por iso, o 4 de maio, queremos presentarche máis pormenores dun proxecto que medrará ao longo de 2020: a estrutura, as seccións, o cabezallo ... todo o que conforma a imaxe gráfica e o suporte xornalístico dun medio que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza. O acto, aberto a accionistas, subscritoras e público en xeral, decorrerá ás 12 do mediodía o sábado 4 de maio no restaurante "A Nave de Vidán", sito en Compostela.

 

Queremos contar contigo neste acto. Para asistires, e por cuestións de espazo, é indispensábel que nolo comuniques enviando un correo electrónico a comunicacion@sermosgaliza.gal antes do xoves 2 de maio, indicando nome e apelidos das persoas que queiran participar e un teléfono de contacto.